Dez anos sen Paco

CULTURA

09 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Este hipocorístico, Paco, que a moitos cheiraralles a parroquial ou moi caseiro, é lembrado por colegas e exalumnos (et non solum), sobre todo en Cataluña, como un nome nobre e luminoso. Non é doado atopar nas Letras de España posteriores a 1970 o nome dun pensador tan sólido, tan versado en distintos saberes, tan honrado nas súas ideas, tan aberto á crítica e tan atento á música intelectual dos tempos (marxismo, ecoloxismo, feminismo, pacifismo...).

Chamábase Francisco Fernández Buey (1943-2012) e era, por parte de pai, galego (de Cans, O Porriño), e por parte de nai, palentino. En Palencia, no Instituto Jorge Manrique, foi alumno meu de Literatura Española no curso 1959-1960. Só un ano. El cursaba sexto e tiña, como profesor de Filosofía, a José Rodríguez Martínez, que sabía alemán, fixera unha tese sobre Heidegger e posuía unha notable formación marxista; eu esquecera o pouquísimo alemán do bacharelato, sabía moi pouco de Heidegger (xa daquela traducido ao galego) e, como antifranquista de esquerdas, algo fun aprendendo á beira do meu brillante colega. Desta miña relación con Paco, no instituto e despois, e con Neus Porta, a súa admirable compañeira —tamén na loita política clandestina—, falo polo miúdo nunha entrevista que me fixo, o ano pasado, para El Viejo Topo, Salvador López Arnal, un dos mellores estudosos do profesor e pensador Fernández Buey.

Entre as virtudes de Paco cómpre salientar a súa asombrosa capacidade de traballo, que, unida á súa intelixencia e aos seus compromisos cívicos, xerou, desde 1978, entre centos de traballos, uns vinte libros con títulos coma estes: Lenin y su obra (1978), Gramsci (1978), Einstein, filósofo de la paz (1986), Discursos para insumisos discretos (1993), La barbarie. De ellos y de los nuestros (1995), Marx sin ismos (1998), Poliética (2003), Filosofar desde abajo (póstumo)...

Faleceu en Barcelona, onde era catedrático universitario, o 25 de agosto do 2012. Reedicións e traducións dalgúns dos seus ensaios e libros e a publicación de importantes páxinas inéditas son mostras elocuentes de que segue, moi vivo, entre nós.