En las orillas del Sar

Xesús Alonso Montero
Xesus Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

CULTURA

16 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Así se titula o derradeiro libro que publicou Rosalía de Castro (Madrid, 1884), un ano antes do seu pasamento, dato que nos obriga a consideralo como o testamento literario da autora. Por seren moi escasos os exemplares da edición príncipe, a editorial Alvarellos (Santiago) acaba de publicar unha edición facsimilar, feita a partir do exemplar, moi ben conservado, obrante na biblioteca da Real Academia Galega. Estamos ante unha reedición que, contra o que pensen algúns, suscitará interese non só entre bibliófilos e especialistas senón entre lectores non eruditos pero que aman as páxinas poéticas de Rosalía.

Porque este extraordinario libro de poesía ten sido lido moitas veces na segunda edición (Madrid, Páez, 1909), preparada, con criterios moi discutibles, por Manuel Murguía, esposo da escritora. Editor manipulador, situou, como poema epilogal, un dos engadidos por el, o que comeza con estes dous versos: «Tan solo dudas y terrores siento, / divino Cristo si de ti me aparto». A primeira edición, da que estaba ausente este poema (de Rosalía, certamente), finalizaba cunha composición, allea á Teoloxía, que era unha diatriba contra a «gloria, deidad vana».

Hai máis. Nun importante poema do libro, Murguía foi capaz de alterar un verso moi revelador: de «¿Por qué, aunque haya Dios, vence el invierno?» (1880) a «¿Por qué, ya que hay Dios, vence el infierno?» (1884). O Patriarca, albacea do legado literario de Rosalía, sempre se esforzou por ofrecer unha imaxe da escritora concorde, máis ou menos, cos ben pensantes da época.

Esta edición facsimilar de Alvarellos contén un prólogo breve de María do Cebreiro, catro páxinas moi densas, intelixentes e que cumprirá ler en función dun extenso estudo desta eminente rosalióloga sobre Cantares gallegos (2020), tan orixinal que debería ser debatido coram populo.

A idea de privilexiar, para lectores e estudosos, a primeira edición de En las orillas del Sar, é vella en min. Xa o fixen na edición de Clásicos Anaya de 1964 e reiterei na de Cátedra de 1985, reimpresa moitas veces, na que os poemas engadidos por Murguía figuran nun Apéndice.