Hemingway en Galicia

CULTURA

Ernest Hemingway en el frente de Teruel durante la Guerra Civil española.
Ernest Hemingway en el frente de Teruel durante la Guerra Civil española. Robert Cappa

25 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Foron os touros os que distanciaron ó escritor Ernest Hemingway de Galicia, si, pero foi Galicia a primeira terra de Europa que el pisou, cando viaxaba de Nova York a Le Havre (Francia) en 1921 nun barco que fixo escala en Vigo. A súa admiración por esta cidade quedou reflectida no artigo que publicou en The Toronto Star Weekly, onde colaboraba con regularidade e onde puiden consultar o seu texto orixinal.

Hemingway recolleu no artigo as súas impresións de asombro ante a cidade olívica: «Vigo —escribiu— é unha cidade que parece de cartón, con rúas de adoquín, enlucida en branco e laranxa, ergueita a carón dun porto grande e cerrado de todo, que practicamente podería ter amarrada a toda a flota británica».

En Vigo pisou por primeira vez unha cidade europea e abriu os ollos cun enorme asombro, que logo o encadearía —pola vía do encantamento— co doutras cidades de Europa e, en particular, de España, pouco antes de ser seducido polo mundo dos touros, nunha etapa protagonizada por Luis Miguel Dominguín e Antonio Ordóñez. Este último sería o seu gran amigo ata a morte do escritor en Estados Unidos.

En todo o tempo que pasou entre nós (nos anos previos á Guerra Civil, durante a propia guerra e despois de que esta terminase), Hemingway converteu España no seu escenario preferido, que lle inspirou obras principais, nas que aparecen frecuentes referencias a Galicia. Hai que dicir que, despois da azarenta entrada por Vigo, Hemingway volveu a Galicia e viviu uns meses en Santiago de Compostela, desde onde se desprazou a outros puntos de Galicia, guiado polo afán de ver e coñecer de primeira man esta terra. Algo que logo lle aconsellou facer tamén ó escritor John dos Passos, que lle fixo caso e percorreu Ribadeo, Lugo, Pontevedra, A Coruña e Santiago de Compostela, entre outros lugares.

Hemingway foi, no sentido máis profundo da súa literatura, un descubridor de espazos habitados, onde os protagonistas eran case sempre homes concentrados nalgunha peripecia especial. E estes seres foron os que fixeron grande a súa literatura, que mereceu o Premio Nobel de Literatura en 1954.