Gayoso, Marica Campo e Xacarandaina, premios da Cultura Galega 2022

Tamara Montero
Tamara Montero SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Xacarandaina, nunha imaxe de arquivo
Xacarandaina, nunha imaxe de arquivo BASILIO BELLO

A Xunta tamén distingue o labor de Melania Cruz, de Victoria Carballo-Calero e de Manuel González e a contribución do programa Conciencia

04 oct 2022 . Actualizado a las 15:38 h.

Excelencia creativa, capacidade de intercambio, experimentación e proxección cultural. Todos eses valores conflúen nos oito galardonados cons premios da Cultura Galega deste ano, entre os que están Xosé Ramón Gayoso, presentador dunha das institucións audiovisuais deste país que está vencellado á Televisión de Galicia dende a súa creación, no ano 1985. O recoñecemento do Goberno galego chega, ademais, cando se fan 30 anos da emisión de Luar.

O xurado tamén decidiu concederlle o premio das Letras a Marica Campo, unha das escritoras máis recoñecidas no panorama actual da literatura galega e que orientou boa parte do seu labor literario aos lectores novos, tanto poesía como na narrativa, influída, se cadra, polo seu traballo como mestra. 

Na categoría de Artes Plásticas a gañadora desta edición é Victoria Carballo-Calero, catedrática emérita de Historia da Arte na Universidade de Vigo e recoñecida especialista no ámbito da arte contemporánea, ata o punto de que ampla bagaxe na investigación académica e na difusión cultural da arte galega do século XX (a súa tese foi sobre a pintora Julia Minguillón) levouna a recibir o PremioTrasalba da Fundación Otero Pedrayo.

Melania Cruz recibe o premio na categoría das artes escénicas. A actriz é coñecida polos seus papeis en Dhogs, Ons e Trote (polos que recibiu premios Mestre Mateo), así como A esmorga e ten un amplo currículo no mundo do teatro. No 2016 recibiu o Premio María Casares á mellor actriz protagonista por Xardín suspenso, do Centro Dramático Galego e e foi tamén nomeada nos anos 2015 e 2017. A compañía A quinta do cuadrante, que fundou no 2019 canda a Tito Asorey, presentou este ano Continente María, que divulga a figura de María Casares.

Os premios da Cultura tamén recoñecen a ampla traxectoria de Manuel González no estudo e defensa da lingua galega, que fan del «un piar fundamental na normalización do noso idioma». Catedrático de Filoloxía Románica na USC, é tamén membro numerario da Real Academia Galega, coordinador científico do Centro Ramón Piñeiro, académico correspondente da Real Academia da Lingua Vasca e do Institut d'Estudis Catalans e membro do Instituto da Lingua Galega, institución dende as que traballa tanto na vitalidade da lingua no territorio galegofalante como na súa proxección exterior.

Un traballo de corenta anos na investigación, recuperación, interpretación e transmisión do floclore galego ve agora recoñecemento na categoría de patrimonio cultural dos premios da Cultura. O xurado recoñece a asociación Xacarandaina como como referente da recuperación e catalogación dunha base importante do legado artístico tradicional galego a través de traballos de campo progresivos ao longo de catro décadas e que serviron para recuperar miles de repertorios de músicas, coplas e danzas. 

A Xunta tamén premia os cursos internacionais Música en Compostela, cursos universitarios creados en 1958 e que levan a cabo un labor de preservación, coñecemento, formación e difusión do patrimonio musical, ademais do coñecemento dos autores e da música española no exterior. Ademais de organizar cursos anuais en distintas cátedras con profesores de excepción con repercusión Internacional, a iniciativa desenvolvese un programa extraordinario de concertos, conferencias, recitais, visitas culturais e a edición de libros e partituras.

Outra iniciativa premiada, desta volta na categoría de proxección exterior, é o programa Conciencia da Universidade de Santiago, que permite á cidadanía contacto directo con diferentes premios nobel e que, dende a súa creación hai 17 anos, tense convertido nunha plataforma de lanzamento da imaxe de Galicia cara ao exterior en base ao seu talento. Un total de 40 persoeiros teñen visitado Galicia, entre eles Stephen Hawking.