Ledicia Costas gaña o Premio de Poesía Afundación con «Ultraluz»

La Voz

CULTURA

Ledicia Costas
Ledicia Costas XOAN CARLOS GIL

O xurado valorou a súa orixinal proposta con referencias á ciencia- ficción

06 oct 2022 . Actualizado a las 21:43 h.

Ledicia Costas (Vigo, 1979) suma un novo recoñecemento literario. Neste caso no eido da poesía, unha faceta creativa pouco coñecida da gañadora do Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil do ano 2015 e do Premio Lazarillo de creación literaria, entre outros galardóns. A súa obra Ultraluz acadou a vixésima edición do Premio de Poesía Afundación entre os 32 orixinais que se presentaron. O xurado resaltou que o poemario da escritora viguesa, segundo recolle a acta, «é un exercicio de claridade e autenticidade poética cunha clara vontade de achegar os mundos fantásticos ao noso bosque logrando unha interacción entre as referencias ao anime e á ciencia ficción. Hai unha interpelación ao lector como axente activo convidándoo a entrar nese mundo de frescor infantil que mestura o abraio e o sombrizo».

A elección dos versos gañadores desta edición do premio que convoca Afundación xunto ao Centro PEN de Galicia co patrocinio da Xunta de Galicia estivo moi igualada, resaltaron desde o xurado. Unha das cuestións que decantou a balanza cara a obra de Ledicia Costas foi que se trata dunha «poesía moi limpa, moi depurada. Ademais, prevaleceu que se trata dun libro que pode achegar lectores e lectoras á poesía», salientou Luís González Tosar, presidente do Centro PEN de Galicia e do xurado que se reuniu este xoves en Santiago, que estaba formado tamén por Xabier Castro, Ánxela Gracián, Estíbaliz Espinosa e Luciano Rodríguez.

Ultraluz, que foi presentado baixo o lema de Kodama, constitúe unha «aposta valente e fresca porque as referencias á ciencia ficción e o anime non son tan comúns na poesía e o libro gañador levounas moi ben a un terreo fácil de ler, que introduce elementos do mundo infantil, do mundo dos contos, pero nunha visión adulta, con luces e sombras, con madurez», salientou Estíbaliz Espinosa. Ultraluz, profundaron os membros do xurado, «é unha fantasía no bosque, un bosque que ten frescor e madurez». O traballo galardoado, segundo incidiron, «é algo novidoso e desmárcase do resto de traballos que se presentaron».

O galardón de Afundación implica a publicación do poemario na colección Arte de trobar e conta cunha dotación económica de 6.000 euros. Deste xeito, converterase na primeira publicación de Ledicia Costas de poesía para adultos en solitario. No ano 2012 vira a luz Xardín de inverno (Everest) destinado ao público infanto-xuvenil e tamén participou cos seus versos nalgunha obra colectiva para adultos.

Membros do xurado e representantes de Afundación e a Xunta, este xoves en Santiago
Membros do xurado e representantes de Afundación e a Xunta, este xoves en Santiago PACO RODRÍGUEZ

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, considera unha boa nova esa transferencia entre xéneros literarios de diferentes autores, pasando da narración ao poesía ou da literatura infantil á adulta. «Isto demostra que hai uns creadores cunha capacidade polivalente para moverse en diferentes eidos», asegurou. Tamén fixo fincapé na permanencia do premio durante vinte edicións, co que se converte nun dos máis veteranos do panorama galego. Subliñou que conforma cos gañadores «unha das mellores coleccións de poesía» tanto de Galicia como de España.

Antoloxía polos vinte anos

Precisamente, o director xerente de Afundación, Pedro Otero, anunciou que van conmemorar o vixésimo aniversario do galardón coa publicación dunha antoloxía cunha escolma de poemas das vinte persoas gañadoras do certame. Ademais de Ledicia Costas, a galardoada este ano, haberá versos de Xavier Seoane, María do Cebreiro, Román Raña, Arcadio López Casanova, Marilar Aleixandre, Carlos Penelas, Luís Valle Regueiro, Emma Pedreira, Xabier Rodríguez Baixeras, X. Daniel Costas, Yolanda Castaño, Elías Portela, Miguel Anxo Fernán Vello, Olalla Cociña, Estíbaliz Espinosa, Gonzalo Hermo, Miguel Sande, Oriana Méndez e Medos Romero. Esta antoloxía está previsto que se presente no acto no que se entregará o premio a Ledicia Costas. Confían en que sexa antes de finais deste ano.

Ademais, o director xerente de Afundación resaltou a aposta da entidade por manter este premio literario de poesía «outros vinte anos máis» incidido na boa valoración que ten entre os creadores. Tanto el como os membros do xurado animaron ao resto de creadores que presentaron os seus traballos a esta edición a continuar traballando. Nese sentido, apuntaron que algúns dos orixinais poden acadar recoñecementos noutras convocatorias.