12 oct 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O pasado sábado 1 de outubro o grande e conmovedor poeta Fiz Vergara Vilariño (1952-1997) foi homenaxeado na vila de Sarria, concello ao que pertence Santalla de Lóuzara, a aldea natal do escritor. En Santalla de Lóuzara as xentes din arxilo (pulo), cochorra (merlo), encantenón (mentres tanto), enmorde (de vagar), oular (ouvear), solporecida (solpor), teso (outeiro)..., palabras, en parte, usadas por Uxío Novoneyra, porque o louzariño e o courelés son dous dialectos moi próximos. Fiz Vergara enriqueceu, notablemente, o galego literario co léxico e as locucións do seu falar parroquial. El achegou á lingua culta dous vocábulos desacougantes: xabreira (sombriza) e bremanza (desespero, desesperación), que el mesmo as definiu así.

Sabido é que a Fiz Vergara, que padecía desde moi cativo distonía muscular, a doenza foille deformando o corpo e castigando severamente os órganos da locución, outro dos seus dramas (entenderlle media ducia de palabras, nunha conversa, era unha proeza). Nesa bremanza, nese desespero, viviu o poeta, ata os 45 anos, case sempre na «Lóuzara xabreira», naquela perdida aldea sombriza. Foi alumno meu, en sexto curso (1972-73), no instituto de Lugo, onde axiña me decatei de que era imposible non compadecelo, pero, dada a bondade que transmitía e a súa sensibilidade literaria, tamén era imposible non alentalo e axudalo. Prologueille o seu primeiro libro (Pra vós), editeille outro (Orfo de ti en terra adentro), faciliteille lecturas, púxeno en contacto con médicos e escritores ourensáns (M. Peña Rey, S. Lamas, A. Tovar...). No curso seguinte, en COU, encontrou na profesora Carmen Beltrán voz e man amigas.

O emocionante acto de Sarria pechouse coa interpretación, por parte do coro Sarricanta, dunha composición musical de Cosme Pombo (gaiteiro das terras do Incio) inspirada nun breve e intenso poema de amor (?) de Fiz Vergara. Nel o poeta declara que está «nos eidos da bremanza», lonxe da amada, «sentigo» («deica cando?»), pronome este, «sentigo», que o autor, condenado a non ter resposta, creou nun momento de «bremanza», de desesperación.