María Rosa Lojo na RAG: pechar un círculo

Ramón Nicolás

CULTURA

Lojo, á súa entrada na sede da RAG para o seu nomeamento como académica de honra.
Lojo, á súa entrada na sede da RAG para o seu nomeamento como académica de honra. Moncho Fuentes

12 oct 2022 . Actualizado a las 05:15 h.

Nos últimos trinta anos, grosso modo, participei en numerosos actos centrados nas presentacións de libros: algúns propios e os máis alleos. Nunha rápida retrospectiva son, talvez, menos de media ducia os que evoco como verdadeiramente memorables. Un destes foi a presentación da novela A fin da terra, da escritora galego-arxentina María Rosa Lojo, que hai dúas semanas a Real Academia Galega acolleu como académica de honra nun acto que pecha, ou iso intúo, un círculo que talvez comezou a trazarse no momento en que o pai da escritora decidiu fuxir do seu Boiro natal para salvagardar a súa integridade persoal e a da súa familia. El, un labrego convencido dos valores que encarnaba a República, sendo aínda mozo, labrou á forza un futuro na Arxentina onde naceu e medrou a súa filla nunha contorna na que sempre estivo presente tanto o idioma galego como as raíces que ninguén puido facer desaparecer da memoria.

Como sinalei, participei naquela presentación no café Casino de Compostela un día de abril de hai 16 anos, a carón de Víctor F. Freixanes, director da Editorial Galaxia naquel entón, en condición de tradutor daquela obra mais tamén de crítico literario pois era case imposible disociar aqueles dous roles. Non lembro ben o que alí dixen: inequivocamente debinme referir ao conflito de identidades que recrea a novela e, probablemente, á irmandade que a novela proxecta, grazas á reconstrución da vida dunha muller, de espazos distintos pero irmáns como son Galicia, Irlanda e Arxentina. Con todo, sentín que a autora, á que acababa de coñecer, manifestaba certo desacougo ou nerviosismo que, en parte e involuntariamente, chegou a contaxiarme. Logo entendino todo: cando falou fíxoo cun discurso ás veces colapsado por silencios significativos que provocaba a emoción. Todas as persoas que estabamos alí reparamos que non estabamos só a presentar un libro máis: aquela versión galega era un tributo que rendía á memoria do seu pai. Aquel sinxelo acto —manifestou— permitíalle instalarse en Galicia e, dalgún xeito, tamén reinstalaba o seu pai, mar por medio e tras moitas décadas, no territorio que lle era natural e propio.

Non dubido que María Rosa Lojo por todo o que representa, por manter a memoria do exilio do seu pai e, xaora, polos valores da súa obra literaria e de investigación, ben merece este ingreso na Academia. Beizón.

Ramón Nicolás é profesor, crítico literario, escritor e académico correspondente da RAG