Tras o éxito de «Virtudes (e misterios)», de Xesús Fraga, as letras galegas recuncan no Premio Nacional de Narrativa con «As malas mulleres»
16 feb 2023 . Actualizado a las 15:49 h.Marilar Aleixandre (Madrid, 1947) alzouse este martes co Premio Nacional de Narrativa coa súa obra As malas mulleres (Galaxia, 2021), que o xurado enxalzou polo seu «admirable dominio del diálogo y del lenguaje» e a súa «original estructura híbrida que la convierte en una singular novela histórica sobre la situación carcelaria de las mujeres en el siglo XIX». Nunha gran celebración da literatura galega, que recunca neste recoñecemento, a escritora sucede na nómina ao xornalista betanceiro Xesús Fraga, que triunfou na edición pasada coa súa novela familiar sobre a emigración Virtudes (e misterios). Curiosamente, ambas obras gañaron, previa e respectivamente, nos anos 2019 e 2020, o Blanco Amor de novela.
A autora confesa que quedou en estado de choque tras recibir sobre as dúas da tarde a «totalmente inesperada» chamada do ministro de Cultura, Miquel Iceta, que lle comunicou a noticia. «Aspiras a gañar todos os premios cando escribes unha novela, pero é que no 2021 houbo moi boas novelas. Agora mesmo, sen pensalo moito, véñenme á cabeza Parte de mí, de Marta Sanz; O cervo e a sombra, de Diego Ameixeiras; e Azucre. Una epopeya, de Bibiana Candia», enumera xenerosa e queda pensando aínda un chisco porque está convencida de que son moitas máis as merecentes.
O fallo pon en valor a recuperación da memoria que propón un relato que, di, Aleixandre resolve dunha maneira brillante e en diálogo coa tradición literaria: «Un coro de voces femeninas de diversas clases sociales introduce elementos de la poesía popular y la cultura oral. La autora pone el acento en las desigualdades y a la vez ofrece una mirada esperanzadora: la capacidad de resiliencia y emancipación del ser humano, destacando la importancia de la sororidad y del compromiso con los demás».
A ela, como creadora, resúltalle «bastante complicado» xulgar que é o que os demais poden atopar no libro, que é o que máis lles puido gustar. De feito, ata lle sorprende o interese que este texto espertou na xente moza, a forza coa que interpela os máis novos, algo que palpou nas súas presentacións públicas e na participación en clubs de lectura. O libro leva catro reimpresións.
Prolífica e moi popular autora no eido da literatura infantil e xuvenil, tradutora de obras de Lewis Carroll e J. K. Rowling —foi tamén colaboradora de La Voz de Galicia e obtivo o seu premio de novela por entregas— e académica, Aleixandre chegou dun modo natural a esta historia carceraria, como persoa curiosa. «Os libros son como as cereixas, que van prendidas, tiras dunha e venche outra», anota para lembrar que todo comezou traballando na «moitísima documentación» que precisaron ela e María López Sández para redactar o ensaio Movendo os marcos do patriarcado. O pensamento feminista de Emilia Pardo Bazán (2021). Nesa inmersión leu «cousas marabillosas» como a biografía de Pardo Bazán de Isabel Burdiel e a de Concepción Arenal de Anna Caballé. Neste último estudo decatouse da existencia do cárcere coruñés A Galera, que a finais do século XIX albergaba 300 mulleres e aínda hoxe dá nome a unha céntrica rúa da cidade.
«Memoria borrada»
Quixo saber máis e chocou unha e outra vez con idéntica resposta: «Nin hai ni vas encontrar documentación». Porfiou contra a «memoria borrada» e soubo por Luz Méndez de documentos conservados no arquivo da catedral compostelá que confirmaban o funcionamento da cadea. E pouco a pouco abrollou o libro, un libro do que, volvendo ao das cereixas, saíu un terceiro, Juana de Vega. A muller que desafiou o seu tempo, que fixo en colaboración con Emma Pedreira.
A autora quería amosar como era a vida daquelas mulleres presas, destapar «unha realidade da prisión da que non se sabe nada», rescatar o intento de Concepción Arenal e Juana de Vega de mellorar as condicións das reclusas, de ensinarlles a ler (no que fracasaron polos atrancos e prexuízos da época), tratar de saber se os nenos estaban enclaustrados coas súas nais, ver a fame que pasaban... «É unha circunstancia moi dura, e así o percibe o lector, porque o cárcere no século XIX, máis que calquera outra cousa, é un sitio de vinganza», asevera para detallar como opuxo os mundos de Arenal e De Vega, ilustrado e liberal, con toda a súa audacia social, e os das desherdadas, na voz de Sisca, presa aos 15 anos «por non poder ser dona do seu corpo». Aquel 1863, ano da publicación de Cantares gallegos, a poesía de Rosalía resoará nos corazóns das mulleres esmagadas pola historia e o dominio inxusto e abusivo dos homes. E a autora fai que ese eco agrome nun coro de malas mulleres, que vibra alternando a narración con pasaxes máis líricas, e dándolle tensión.
«Os meus libros sempre están moi atentos ás voces femininas»
Quizais nesa temática do empoderamento feminino, de rescatar a memoria das mulleres, tan puxante, haxa que buscar a raíz deste éxito de As malas mulleres? Marilar Aleixandre é remisa a pescudar razóns ocultas, pero, si alega, leva escribindo un tempo estimable, desde que en 1989 publicou o seu primeiro libro infantil, A formiga coxa: «E, na narrativa xuvenil ou para adultos, os meus libros sempre estiveron e están moi atentos ás voces femininas. Hai pouco máis de quince anos, cando apareceu Lobos nas illas, ninguén falaba disto, pero ese volume xa incluía un relato sobre a violencia de xénero». Un título, recorda, que editou Lumen en castelán e que agora rescata Arde, un selo que acaba de nacer, o que dá idea de que son historias que seguen vixentes. «Cambiou a ollada na sociedade para eses temas, pero eu xa andaba niso hai tempo. Decátome, claro, de que agora a xente préstalles unha atención diferente».
Alén de tendencias estimuladas polo feminismo, Aleixandre, non sen certo humor, insiste en admitir: «Aínda non mo creo de todo». Explica que, ao seu entender, As malas mulleres «é un libro moi galego, con abundantes referencias intertextuais, non só no que afecta a Rosalía, máis sinxelas de entender para os galegos pero de difícil encaixe para a xente de fóra. Tamén é certo que non fai falta debullar toda a novela para que a historia prenda».
Mentres mantén a conversa telefónica, ten sobre a mesa as primeiras correccións da edición en español de As malas mulleres que ela mesma traduciu para Xordica, selo aragonés que xa publicou —son decisións previas ao coñecemento do premio nacional— Virtudes (y misterios) e ao que o propio Fraga recomendou o libro de Aleixandre, que podería estar na rúa antes de fin de ano.
A escritora expresaba a súa «ledicia por traer premios para Galicia», que, di, goza dunha literatura de moita calidade como, engade, demostran estes nacionais que antes recibiron «Pilar Pallarés e Olga Novo, as mellores de entre os poetas vivos, e Ismael Ramos e Alba Cid, para os novos». As letras do país viven «unha idade de ouro, situación en triste disonancia coa saúde da lingua, en grave risco», lamenta Aleixandre para instar a que «se coide este tesouro». «A literatura e a lingua son vasos comunicantes, e non poden existir unha sen a outra», advirte.