O mundo académico loa os ámbitos «cheos de maxia» de Mónica Alonso

Xosé María Palacios Muruais
Xosé María Palacios LUGO / LA VOZ

CULTURA

Mónica Alonso, durante a súa intervención este sábado no Museo Interactivo da Historia de Lugo.
Mónica Alonso, durante a súa intervención este sábado no Museo Interactivo da Historia de Lugo. Rebeca Fernández

A artista da Fonsagrada ingresou na Real Academia Galega de Belas Artes

30 oct 2022 . Actualizado a las 11:44 h.

Ámbitos «cheos de maxia» nos que a autora xoga coa ambigüidade da nebulosidade variable. Así traballa a artista Mónica Alonso, que este sábado foi loada desa maneira por Menchu Lamas. As palabras foron pronunciadas no Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL), que Alonso, nada na Fonsagrada e residente en Lugo, escolleu como escenario para o seu ingreso na Real Academia Galega de Belas Artes.

Lamas salientou o xogo de Alonso coa luz e coas cores, vinculando o seu labor co de artistas coma Van Gogh, Matisse ou Gauguin. No caso da nova académica, dixo Lamas, o uso da cor e a relación coa luz fanse dentro dunha traxectoria desenvolvida con «coherencia, rigor e vitalidade», calidades que a fan merecente de ser aceptada na devandita institución.

A nova académica tamén subliñou antes, no seu discurso, a importancia das cores, pero non só por cuestións de técnica, senón como eleccións que tentan amosar estados de ánimo propios ou alleos. Nunha intervención que concibiu como unha obra de teatro, con actos e entreactos ademais dun epílogo, explicou que pode haber carne verde, que identificou cos marcianos, e tamén carne suicida ou carne branca —asociada, dixo, cos procesos de quimioterapia—. Os matices son moitos, pero diferentes dunhas persoas a outras, pois, recoñeceu, hai xente que vive nunha soa cor.

Tamén hai cores que semellan ser consecuencia de ideas ou de mundos propios da calor —o vermello e o laranxa reflectirían esa sensación, dixo Alonso—, mentres outros, coma o gris ou o azul, xorden do frío ou levan a el. De todos os xeitos, para Alonso calor e frío non son mundos opostos senón que ambos os dous poden xerar angustia e medo. Nese sentido, lembrou experiencias de viaxes a lugares tan distintos coma Oslo e São Paulo: se na cidades norueguesa, durante o inverno, hai pouca luz pero intensa, na brasileira vívese o contraste, pero tamén esa sensación pode ser desacougante.

Alonso, que comezou a súa actividade como escultora, ten orientado o seu traballo a campos coma o da arquitectura e a psicoloxía, o que deu como resultado conceptos coma neuroarquitectura e psicohabitación e experiencias coma o concepto de psicoespazo. A el se referiu no seu discurso, subliñando que «o espazo pode curar» e que a arquitectura debe dialogar coa ciencia.

Unha viaxe vital e profesional co soño de ir a Nova York ao fondo

Se a intervención de Mónica Alonso (A Fonsagrada, 1970) se estruturou coma unha obra de teatro, a posta en escena estivo presidida pola sinxeleza, sen máis apoio que as súas palabras e as imaxes que se ían proxectando para completar o que dicía. A peza ben podía ser unha combinación de autobiografía e de ideas incorporadas, pois lembrou as súas orixes familiares, a súa nenez na zona rural fonsagradina e os seus anos de estudante, primeiro en Salamanca e despois en Vigo, que definiu como unha viaxe cara ao coñecemento.

As viaxes citadas, aínda que servisen para agrandar a súa formación, tiñan tamén unha parte de ilusión. Ir aos Países Baixos serviulle para achegarse á obra de Van Gogh, pero desprazarse aos Estados Unidos non só lle aumentou o coñecemento: «Todos os artistas queriamos ir a Nova York», afirmou. En calquera caso, non só ela tirou proveito desas viaxes, senón que reflexionou no seu discurso sobre a función do artista comentando que pode chegar a mellorar a vida do espectador.

Ao acto de onte, ademais de académicos, acudiron autoridades coma o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e representantes do Concello e da Deputación de Lugo.