Nunca fun de levar gorra, gorro, sombreiro ou algo similar cubrindo a cabeza, non me sentía cómodo. Por un lado, consideraba que non me sentaba ben e, por outro, case sempre tiven o pelo relativamente longo e gustábame sentir o ar nel. Iso non quere dicir que non me gustaran eses elementos para cubrir ou engalanar a cabeza noutras persoas ás que si lles daban un toque estilístico significativo e ata elegante.
O meu avó Bieito era de boina ou pucha dende que se erguía ata que se deitaba, quitábaa só por educación ou comodidade en ocasións ben contadas. As súas boinas eran sagradas xa que tiña varias dependendo do día ou evento que tivera ou acudira. Non obstante, o meu pai apenas usaba chapeu, excepto para tornar o sol, e aos meus irmáns nunca os vin con esta prenda. Eu, dun tempo a esta parte, fun acostumándome a diferentes tipos de gorras e úsoas con relativa frecuencia, sobre todo polo sol e o vento, e nalgúns casos para acudir a determinados actos.
Cando participaba en grupos folclóricos como Xacarandaina ou no ballet galego Rei de Viana era obrigado usar algún chapeu particular como a tella, un sombreiro eclesiástico de ala redondeada popular entre as xentes dalgunhas comarcas galegas, algún sombreiro de ala ancha e tamén diversos tipos de monteiras tradicionais galegas. E neste punto, igual que os cataláns teñen as barretinas tan propias fundamentalmente dos pobos mariñeiros mediterráneos, os vascos as txapelas de clara influencia francesa, nós temos as monteiras con todas as súas variantes, que non son poucas, de orixe ben antigo e non moi claro.
As monteiras usáronse en Galicia ata finais do século XIX e comezos do XX sendo substituídas progresivamente por diferentes tipos de sombreiros, boinas e puchas. Na actualidade só son usadas como elemento folclórico, mais por sorte hai, como xa dixen, unha gran variedade delas recuperadas e de moi diferentes estilos. Quizais algún día volvan as monteiras con toda a súa grandeza, igual que o fixeron os zocos que nun momento da nosa historia parecían desaparecidos e hoxe, grazas ao bo facer de grandes artesás como Elena Ferro, tornáronse en tendencia. Eu dende hai anos xa teño a miña para momentos especiais.