O Arquivo Dixital de Galicia suma un espazo dedicado ao Golpe de Estado e aos anos posteriores

La Voz

CULTURA

M. G.

O novo proxecto temático, «Memoria e concordia», recolle fondos documentais custodiados nos arquivos de xestión autonómica 

07 nov 2022 . Actualizado a las 17:09 h.

O novo espazo temático da plataforma dixital Galiciana. Arquivo Dixital de Galicia suma xa máis de 21.000 imaxes para achegar fondos documentais relacionados co Golpe de Estado de 1936 e os anos posteriores. O proxecto, baixo o título «Memoria e concordia», busca a preservación e difusión de documentos do período comprendido entre 1936 e 1978 vinculados ao Golpe de Estado, á Guerra Civil, á ditadura franquista e o inicio da Transición que están custodiados nos arquivos históricos que xestiona a Consellería de Cultura, tanto públicos como privados.

O traballo, que se empezou no 2020 e se prolongará no tempo durante máis dun ano, inclúe a descrición e dixitalización de documentos producidos polas institucións do Movemento Nacional instauradas a partir do Golpe de Estado (Falanxe Española, Sección Feminina, Fronte de Xuventudes, Sección Naval da Fronte de Xuventudes), os tribunais de responsabilidades políticas, os gobernos civís, as prisións provinciais así como fondos privados de persoas e familias, empresas, asociacións e fundacións especialmente implicados nos acontecementos deste período entre 1936 e 1978.

Esta novo servizo dixital inclúe desde fotografías ata documentos, incluídas algunha dos anos anteriores, como a proclamación da II República na Coruña do ano 1931, e outras da propia Guerra Civil. En canto a documentos, por exemplo, figura o expediente de responsabilidades políticas de Casares Quiroga. «É un servizo á cidadanía e aos especialistas», afirmou o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, na presentación deste novo espazo temático de Galiciana. Arquivo Dixital de Galicia. Estivo acompañado pola subdirectora xeral de Arquivos e Museos, Mari Carmen Calviño; e da xefa de servizo do Arquivo de Galicia, Mar García.

Ademais do espazo ligado ao Golpe de Estado e a posterior etapa, tamén presentaron o libro Galiciana. Arquivo dixital de Galicia, que debulla os usos e funcións da plataforma. «Pretende dar a coñecer a plataforma e todos os fondos que hai no arquivo», afirmou Mari Carmen Calviño. Tanto ela como o director xeral de Cultura resaltaron o incremento dos usuarios na plataforma, que vai de xeito paralelo ao aumento de fondos dispoñibles. Nese aspecto, confían en contar con máis de cinco millón de imaxes a final de ano.

No que vai de ano, segundo os datos da Xunta, xa se superaron os 187.000 usuarios ao medrar un 31 %. Actualmente, están integrados 54 arquivos de diversa titularidade, tanto pública como privado.