Sempre que vou pola estrada de Vilalba a Mondoñedo, atravesando esa parte da Terra Cha, abráiome coa fermosura dos seus camposantos e cruceiros tan abundantes. Os responsables destes magníficos traballos foron os mestres canteiros que, coa súa obra, deixaron unha pegada de inmenso valor no noso patrimonio. Gardadores da esencia e transmisores da nosa cultura a través da pedra. Grazas a eles temos auténticas marabillas que van dende unha humilde cruz ata o maxestoso Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago, e a maior parte das veces dende o anonimato.
E si ben, os de Pontevedra son quizais os canteiros con máis sona e recoñecemento, alén incluso das nosas fronteiras, eu quixera falar da saga daqueles canteiros que construíron, entre moitas outras cousas, eses camposantos tan particulares e característicos propios da Terra Cha. Coñecidos como Os Carboeiras, son unha dinastía de canteiros orixinarios do lugar da Carboeira, parroquia de Santalla de Román en Vilalba. A súa antigüidade remóntase ao século XVIII e o traballo das diferentes xeracións desta familia está centrado basicamente no concello de Vilalba e, en menor medida, noutros concellos chairegos. Pódense ver tamén algunhas das súas obras por diferentes lugares da provincia de Lugo e incluso da Coruña. Os traballos realizados eran de diferentes tipoloxías como pontes, altares, nichos, cruceiros... tendo un estilo propio moi particular e recoñecible. Dos Carboeiras, ata onde chegan os meus datos, aínda queda un canteiro vivo, o que xa non está moi claro é se a dinastía vai continuar no futuro. Con todo, o seu legado é tan importante que é de lei o seu recoñecemento, posta en valor, dignificación e respecto como xa determinadas persoas e colectivos fan, pero debería ser maior. A min dóeme na alma ver como se van esvaendo cousas tan valiosas e salientables da nosa cultura, e con ela séculos de historia. Fascínanme os camposantos neogóticos feitos por estes grandes mestres, e tamén esa simboloxía, e esa estética tan diferente á dos outros camposantos galegos. Os Carboeiras merecen un museo para preservar o seu legado, un lugar de interpretación, valoración e incluso unha escola de continuidade futura.