A gala dos Mestre Mateo celebrarase o 11 de marzo en Ourense

La Voz OURENSE

CULTURA

Santi M. Amil

Douscentos traballos optan aos galardóns da Academia Galega do Audiovisual

17 nov 2022 . Actualizado a las 20:24 h.

Xa hai data de entrega dos próximos premios Mestre Mateo. Sabíase que o lugar ía ser a cidade de Ourense, porque así se adiantou ao dar a coñecer o acordo de colaboración entre a Academia Galega do Audiovisual e a Deputación de Ourense, pero faltaba por coñecer o día. A gala celebrarase o 11 de marzo do 2023 no Auditorio de Ourense.

A volta da actividade á cidade —o mesmo escenario acolleu hai anos a cita— é froito do acordo entre as Academia e a Deputación, entidades que levan colaborando dende hai dez anos en diferentes proxectos, do premio Mariluz Morales ao ciclo de proxeccións que se está a desenvolver na actualidade por toda a provincia.

A Academia Galega do Audiovisual deu a coñecer a data nun acto que se desenvolveu no Centro Cultural da Deputación de Ourense e que estivo conducido por Eva Fernández e Rodrigo Vázquez. Antes do mesmo fíxose a descuberta da reprodución da escultura que simboliza o premio, e que estará na gala, e no Marcos Valcárcel procedeuse a inaugurar a exposición Un retrato ben merecido. 20 anos da Academia Galega do Audiovisual. A mostra está composta por vinte retratos, un por ano, que representan outros tantos oficios do sector.

Máis candidaturas que nunca

Segundo se avanzou na cita ourensá, a próxima gala dos Mestre Mateo contará con máis candidaturas que nunca: en total 200 traballos repartidos en 26 apartados a concurso. A selección dos que optarán aos premios darase a coñecer o día 7 de febreiro.

O presidente da Academia Galega do Audiovisual, Álvaro Pérez Becerra, salientou na súa intervención o traballo desenvolvido nestas dúas décadas e como aqueles 114 socios que comezaron coa Academia, baixo a presidencia do actor Ernesto Chao, se converteron en pioneiros. «Foi a primeira academia audiovisual creada nunha comunidade autónoma e a que logrou, cun enorme esforzo e tecendo alianzas, facer da mesma un lugar de encontro para todo o sector». Tamén tivo palabras de recoñecemento para o traballo que se está a realizar en Ourense en apoio do sector.

Na súa intervención o presidente provincial, José Manuel Baltar, salientou o traballo feito pola Academia Galega do Audiovisual. «Os meus parabéns por ese apoio incondicional a un sector industrial que é clave para este país e polo cal apostamos dende a Deputación de Ourense, nunha estratexia decidida e firme de apoio ás rodaxes na provincia e vencellando esta actividade co OUFF e co traballo da Fundación Carlos Velo».