Pontevedra, capital da industria cultural galega co Cultugal

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

CULTURA

Ramón Leiro

A Xunta impulsa, ao longo de toda a fin de semana, unha trintena de actividades

26 nov 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Coa inauguración este venres da quince edición do Culturgal, Pontevedra convértese ao longo da fin de semana na capital da industria cultural galega. Trátase dunha cita na que a Xunta volve ser o patrocinador principal, ao tempo que contribúe á programación con preto dunha trintena de actividades, entre obradoiros, presentacións, concertos e artes escénicas, que se desenvolverán tanto no stand institucional, que estrea novo deseño, como no resto de espazos da feira.

Neste eido, o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, destacou a efervescencia do sector cultural aludindo a que os últimos informes de actividade e consumo describen unha «tendencia moi positiva» cara á súa recuperación plena. Así, referiuse aos últimos datos do Consello da Cultura Galega, que mesmo melloran os rexistrados pola industria cultural antes da pandemia, como son as cifras de emprego, con 35.400 persoas traballando neste ámbito en Galicia e preto de 1400 novas filiacións á Seguridade Social entre agosto de 2021 e o mesmo mes de 2022.

Rodríguez destacou igualmente o crecemento da confianza do público e das exportacións dos produtos culturais galegos, con 43 millóns de euros máis que o ano pasado ata chegar aos 400 millóns totais, así como a recuperación na creación de empresas culturais, que superan xa o centenar. «En resumo, as nosas empresas culturais souberon potenciar as súas características para manter a actividade e o interese da cidadanía», concluíu.

Entre as actividades impulsadas pola Xunta nesta primeira xornada, a presentación de Xogos de mesa en galego, da man de Brazolinda como parte de TeCe Redes en galego do Fondo de proxectos culturais Xacobeo 21-22 e a montaxe O lobo e a lúa, de Baobab Teatro. De igual xeito, Nova Galega de Danza, en coprodución coa Xunta a través do Centro Coreográfico Galego, puxo en escena Credo, mentres que no Espazo Profesional ofreceuse un avance do Plan Integral para a Danza de Galicia por parte de Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais; Pilar Portela, do Departamento de Música e Danza; Miguel Valverde, coordinador deste proxecto, e Paula Quintas, de Escena Galega.

Víctor López, presidente da Asociación Culturgal, destacou que con esta edición, a primeira de Eva Alonso como directora, ábrese «unha etapa que sen descoidar unha migalla a vocación de ser escaparate para o público xeral, subliña a súa vocación de servir de punto de encontro, formación, intercambio, de acordos, de nacemento de proxectos, de vendas... para todas as empresas, entidades, axentes, profesionais, tamén artistas e creadores».

A concelleira de Cultura de Pontevedra, Carme Fouces, resaltou a vinculación de Pontevedra co Culturgal sen deixar pasar por alto a coincidencia da data da conmemoración do Día contra a Violencia de Xénero.