Querido Pablo

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

CULTURA

29 nov 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai moitos anos que descubrín a música de Pablo Milanés. Aínda non tiña a maioría de idade e xa escoitaba as súas cancións que, sen dúbida, forman parte xa da banda sonora da miña vida por moi diferentes motivos. Grazas a el coñecín algo da música popular e tradicional cubana e tamén as propostas que chegaban dende ese movemento xerado nos anos sesenta chamado La Nueva Trova. Un colectivo formado por músicos mozos estreitamente vencellados, polo menos inicialmente, ao ideario da revolución cubana. Entre eses músicos destacaban particularmente Silvio Rodríguez e Pablo Milanés, que, sen desmerecer aos demais, foron os que máis proxección tiveron cara o exterior. As músicas e as letras dalgúns cantautores teñen influído claramente na música que nós facemos en Luar Na Lubre. Só hai que coñecer a nosa discografía e ver algunhas das versións que fixemos como El derecho de vivir en paz de Víctor Jara, Pandeirada do Ché de Xulio Formoso, O meu país, No Desterro de Miro Casabella ou Fonte do Araño de Emilio Cao, entre outras. Tamén colaboraron con nós xentes como Ismael Serrano, Víctor Manuel, Lila Downs ou o propio Pablo Milanés, certificando con claridade esa influencia. A colaboración de Pablo foi a primeira de todas alá polo ano 2001, cando celebrábamos o noso 15 aniversario. Lembro que contactáramos con el para tratar a súa participación no tema Tu gitana, orixinal do portugués José Afonso e da que xa fixéramos unha versión. Pablo accedeu dende o primeiro momento e a única condición que puxo foi que fósemos á súa casa na Habana. Naquela altura eu tiña absoluto pánico a voar e xa co billete na man e no último momento, decidín que fose o noso técnico de son a facer aquela fermosa gravación. Non tardei moito en arrepentirme de non ter ido en persoa, mais a gravación quedou marabillosa como non podía ser doutro xeito. Na actualidade e tamén con Pablo Milanés estábamos traballando sobre unha canción súa chamada El largo camino de Santiago que xa está gravada e coa que incluso falábamos de facer un videoclip. Agora Pablo deixounos, a súa perda é irreparable mais queda todo o seu patrimonio dun valor infinito en forma de poesía, música e recordos.