Que película é mellor, «As bestas» ou «Santoalla»?

cristina de la torre

CULTURA

.

O filme de Rodrigo Sorogoyen inspirado no crime de Martin Verfondern estréase en Valdeorras

29 nov 2022 . Actualizado a las 14:30 h.

Hai agora cinco anos estaba na porta do cine Avenida da Rúa. Eran as nove menos dez e a sala estaba practicamente baleira. Alí sentada pensaba que os que auguraran que ninguén iría ver o documental que contaba o crime de Santoalla (Petín) e no que eu participara tiñan razón. «É un tema controvertido, non che vai ir xente», dixéranme mentres colocaba carteis. Por que? Cal é a controversia nun conflito veciñal que remata cun homicidio? Que razóns poden esgrimir os que ven matices no desenlace? «Só contades unha parte», dixéranme na estrea do documental no OUFF, o Festival de Cine Internacional de Ourense. Non sabía a que outra parte se referían, a dos acusados? Como pode haber dous bandos nun conflito resolto con esta violencia? E non só cara a vítima, tamén cara a Margo, que viviu catro anos sen saber que lle pasara ao seu home. Coa estrea de As bestas e os comentarios que fun lendo e escoitando estes días identifiquei claramente cales son os dous bandos: nós e os de fóra. Martin, de fóra. Daniel e Andrew, directores de Santoalla, de fóra. Sorogoyen, de fóra. E como nos contan? Mal, claro.

Pero é que As bestas non conta Galicia. Igual que Santoalla non conta Valdeorras. Contan algo que aconteceu aquí —aínda acontece— e que ten que ver coa incapacidade de resolver diferenzas de forma pactada e da inhibición dos poderes públicos para intervir e mediar nos conflitos veciñais. Volverei a isto, pero antes unha aclaración necesaria: As bestas é unha ficción e ten as licencias narrativas de calquera película. A partir de aí pode gustarche ou non polo ritmo narrativo, polos personaxes ou polo achegamento lingüístico, que por certo para min é impecable. Só faltaría que a diglosia fose tamén culpa de Sorogoyen. Por poñerlle unha pega, non é moi crible que en Galicia alguén arranxe unha casa abandonada sen mercala antes e que non pase nada, como fai a parella francesa na película. Cando gravabamos Santoalla e saíu na prensa, ao día seguinte uns veciños subiron á aldea e diante nosa puxeron un cadeado nunha porta que se sostiña con dificultade entre unhas ruínas. Estará caída, abandonada, pero é nosa.

O que me pregunto é se os galegos e galegas que se ofenden con As bestas ou que nos dicían que Santoalla é parcial, ven estas películas cos mesmos prexuízos que os que nas redes sociais comentan estes días que damos moito medo. Incluso na crónica dunha radio progresista destacaban que no cine español xa non sae Madrid, agora triunfan as historias do remoto. Se o teu horizonte é a Castellana podo entender a fascinación morbosa e a lectura simple, pero se es galego e esta historia che molesta ten que ser pola resonancia, porque nos recoñecemos na desconfianza, calando ante agresións ou inxustizas, ou lle rimos os chistes a personaxes como o que interpreta Luís Zahera. Eu vin As bestas na Coruña e algunha xente escachaba coas pullas que lle soltaba ao veciño mentres eu revivía a tensión, o ambiente tóxico, incluso o medo.

Eu non sei onde comeza o fóra e onde comeza o dentro. No país? Na aldea? Na familia? No xénero? No voto? Na sexualidade? Na lingua? Hai tantos fóra e tantos dentro. Pero neste caso hai que recoñecer que nos contaron mellor os de fóra, simplemente porque as de aquí non o fixemos. A desaparición de Martin foi un acontecemento que as cineastas galegas (e valdeorresas) obviamos ao pensar que alí non había unha historia potente. Pelexa veciñal, desencontro cultural, desaparición, «matárono, seguro» escoitábase na comarca, «os veciños saben», insistía unha e outra vez Margo… Nada novo baixo a néboa atlántica. Ata que chegaron dous directores estadounidenses e puxeron o foco no que, por frecuente, non é normal.

Este verán Valdeorras viviu unha vaga de lumes dramática. Foron días de moita acción colectiva e solidariedade, pero tamén de tensión nas aldeas e en varias conversas con quen o viviu asomou a alerta: «Aquí estase preparando outro Santoalla». Por iso, soará inxenuo, pero o medio rural, ademais de xente que queira vivir nel veña de onde veña, precisa servizos de mediación, educadores sociais que nos axuden a mellorar a convivencia. E non é algo que nos pase aos galegos e galegas, é algo que lle pasa ás persoas cando levan moito tempo soas ou illadas. E isto último escoiteillo a un perito da Garda Civil no xuízo polo homicidio de Martin. Tal vez co éxito de As bestas alguén pense que é hora de prestarlle atención a este tema. Tamén niso pode axudar o documental Santoalla, que está sendo descuberto por moita xente grazas ao tirón da película de Sorogoyen. Naquela estrea da Rúa, hai agora cinco anos, ao final encheuse a sala. Ao rematar a xente saíu silenciosa e unha veciña de Petín colleume do brazo para destacar a fortaleza de Margo e dicirme: «Que inxustos fomos con ela». Só con iso, a min compensoume de golpe tres anos de traballo no documental.

Ah! E que é mellor, Santoalla ou As Bestas? Que máis ten. Ambas son peliculóns e son importantes. Védeas.

Cristina de la Torre, guionista e realizadora, traballou como produtora no documental «Santoalla».