Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

María Dolores Sánchez Palomino: «Os dicionarios bilingües contribúen á normalización»

LA VOZ A CORUÑA

CULTURA

Eduardo Pérez

A catedrática ingresou como membro de número da Real Academia Galega

17 dic 2022 . Actualizado a las 19:18 h.

A catedrática de Filoloxía Románica da Universidade da Coruña María Dolores Sánchez Palomino (San Vicente de la Barquera, 1961) ingresou este sábado na Real Academia Galega como membro de número nunha sesión extraordinaria celebrada na sede da institución, na Coruña. Foi o último acto polo momento na rúa Tabernas, xa que o edificio acollerá obras de rehabilitación.

A filóloga, directora do novo dicionario castelán-galego que a RAG ofrecerá proximamente en liña, defendeu na súa intervención a necesidade de que as academias aposten polos repertorios bilingües que cumpren, salientou, unha función comunicativa, social e cultural, ao tempo que participan na conformación e difusión da norma lingüística. Deulle resposta en nome da institución o coordinador do Seminario de Lexicografía, Manuel González, quen afirmou que a nova académica «vai ser un esteo fundamental no traballo lexicográfico da Academia».

«O dicionario ten, en diferencia da gramática, un alcance importantísimo, de obra colectiva», sostivo a nova académica no seu discurso titulado Ten sentido unha lexicografía académica bilingüe? [De lexicografía e Academias]. Advertiu que xunto á misión de establecer a variedade estándar dunha lingua, «as academias teñen outra moi importante: a de procurar a normalización lingüística, e os dicionarios bilingües contribúen de maneira significativa ao cumprimento desta misión».

Sánchez Palomino resaltou que a lexicografía bilingüe «non debería ser descoidada polos organismos académicos, en particular por aqueles que se encargan de linguas inmersas en procesos de estandarización e normalización». «A Real Academia Galega non o fixo e consideramos que este feito debe ser recoñecido como unha achega moi valiosa da institución», puxo en valor.

Amor á lingua sen prexuízos

De pai cántabro e nai andaluza, María Dolores Sánchez Palomino viviu en Cantabria ata os sete anos de idade, cando se estableceu coa súa familia na Coruña. Precisamente, comezou as súas verbas dicindo que o feito de non ser natural de Galicia non lle impediu obter «un gran amor» por esta terra e a súa lingua, «desde unha mirada libre de prexuízos».

Licenciada en Filoloxía Románica pola Universidade de Santiago de Compostela e doutora pola mesma institución, está especializada nos campos da lexicoloxía, terminoloxía e lexicografía, e tamén traballou na lingüística románica, a historiografía lingüística e cos textos medievais. Creou e dirixiu a Rede de Lexicografía RELEX desde o ano 2012 ata o 2018 e ten experiencia en proxectos internacionais como a Cost Action European Network of e-Lexicography (ENeL). Foi investigadora responsable de numerosos proxectos de investigación e na actualidade codirixe o Dicionario histórico e etimolóxico da lingua galega (DHELG). Foi vicepresidenta da Asociación de Tradutores Galegos (2003-2011).

Dirixe os traballos que permitirán ofrecer na Rede proximamente o novo dicionario castelán-galego. Esta ferramenta, explicou, «responde plenamente aos criterios da lexicografía bilingüe actual, respectando aqueles trazos que veñen sendo tradicionais e moi positivos da lexicografía académica galega». A obra contará con 26.400 lemas, 54.300 acepcións e 6.000 unidades pluriverbais.

Lembrou a Fernández-Albalat, «un referente da arquitectura»

María Dolores Sánchez Palomino ocupa a vacante producida tras o pasamento do arquitecto coruñés Andrés Fernández-Albalat Lois (1924 - 2019). Quixo dedicarlle a el as unhas palabras na sesión de ingreso, nas que lembrou as principais achegas de quen foi «un referente da arquitectura galega contemporánea».

Ademais, a filóloga trazou no seu discurso unha panorámica da historia das academias das linguas románicas e dos seus dicionarios, desde o pioneiro Vocabolario degli Accademici della Crusca (1612), modelo para as obras homólogas doutros idiomas. Todas elas, con independencia da data de fundación, tiveron entre os seus principais obxectivos a elaboración dun dicionario de cadansúa lingua. Pero previamente a moitos destes dicionarios monolingües, recordou, existiron os bilingües, no ámbito da iniciativa privada. Bilingües foron así os primeiros dicionarios de español, os de Antonio de Nebrija (século XV), e o primeiro portugués, de Jerónimo Cardoso, un repertorio baseado igualmente no contraste co latín.

Resposta

Despois da súa intervención, o coordinador dos seminarios de Lexicografía e Terminoloxía, o académico numerario Manuel González González, deulle resposta. «Hoxe é un día de festa porque se vincula non só de facto, senón tamén de iure ao traballo da RAG unha nova académica, cunha sólida formación e cunha demostrada capacidade de traballo, nun ámbito en que a nosa institución está necesitada de reforzos urxentes», declarou.

O presidente da RAG, Víctor Fernández Freixanes, avanzou que no que vai de ano o dicionario en liña da Real Academia Galega recibiu 38 millóns de visitas, polo que celebrou que «a lingua está viva».