Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

María Dolores Sánchez: «Paga a pena que a xente faga o esforzo por falar galego, aínda con incorreccións»

Javier Becerra
Javier Becerra REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

María Dolores Sánchez Palomino
María Dolores Sánchez Palomino EDUARDO PEREZ

Recén nomeada académica de número da RAG é a responsable do «Dicionario bilingüe galego-castelán», que se consultará en liña

20 dic 2022 . Actualizado a las 08:07 h.

Co nomeamento de María Dolores Sánchez Palomino (San Vicente de la Barquera, 1961) xa son oito as mulleres que forman parte do pleno da Real Academia Galega (RAG). «Todo o que signifique aumentar a presenza da muller en todos os ámbitos da sociedade, tamén na RAG, paréceme moi ben», subliña a filóloga e catedrática de Filoloxía Románica da UDC. O pasado sábado ingresou como membro de número. «A RAG leva dando pasos de maneira moi significativa nos últimos nomeamentos, pero non só por ser mulleres, senón pola súa valía profesional», puntualiza. Na actualidade dirixe a revisión e actualización do Dicionario bilingüe castelán-galego, que estará dispoñible proximamente.

—No seu discurso do sábado preguntaba se tiña sentido unha lexicografía académica bilingüe.

—En certos ámbitos choca a combinación dos termos académico e bilingüe, porque normalmente a lexicografía académica relaciónase co monolingüe. Eu considero que a lexicografía bilingüe debe terse en consideración polos académicos, sobre todo por aqueles que traballan con linguas en vías de estandarización e normalización, porque contribúe de maneira moi importante neses dous ámbitos.

—Nese sentido, subliña o papel do dicionario como instrumento fundamental para a normalización lingüística.

—Claro, o dicionario contribúe de maneira fundamental á diversificación funcional e estilística da lingua. Favorece o seu emprego en todos os eidos.

—Vostede fai unha revisión constante do dicionario en liña da RAG. Que impacto tivo na sociedade galega esta ferramenta?

—O outro día o presidente mencionou un dato absolutamente rompedor despois do meu discurso. O dicionario en liña recibe uns 38 millóns de visitas ao ano. O que son máis de 100.00 ao día. Este é un dato importantísimo. O uso dos dicionarios nas redes é algo inevitable e absolutamente aconsellable. O dicionario bilingüe tamén se servirá desta tecnoloxía. Non queda máis remedio e, ademais, é o máis beneficioso para o usuario e para a lingua que iso se poña na rede para ter una difusión altruísta e gratuíta o máis ampla posible.

—O pasado fin de semana debatíase neste xornal sobre o galego que se fala mal. É mellor deixar de falalo que falalo mal?

—Non. O feito de falalo, aínda que sexa con incorreccións, demostra cando menos un interese pola lingua. Ninguén naceu aprendido. O mellor é que, pouco a pouco, un vaia mellorando. Paga a pena que a xente faga un esforzo por falalo. Tamén cometemos erros falando en castelán e noutras linguas. Non pasa nada. O importante é ter interese e continuar no aprendizaxe para chegar a falalo correctamente.

—Nese sentido, sempre está aí a discusión sobre o choque entre o galego da rúa e o académico. Moitos falantes non se recoñecen no segundo. Como ve vostede ese reproche?

—Que é un pouco falaz e ficticio, na medida de que isto ocorre con todas as linguas. Dise do galego, como se iso fose algo único, que os académicos fan unha lingua diferente da falada. Pero iso é así sempre. Nunca unha variedade estándar poderá identificarse totalmente cunha variedade oral. A estándar ten que estar por riba de todas. Non podería collerse a variedade das Rías Baixas como estándar. Habería unha parte moi importante de territorio galego que se sentiría fóra. E á inversa, con outros casos. Intentouse que fose o máis representativa posible, tendo en conta que ningunha vai estar representando ao 100 %. Pero iso non significa que a xente da rúa, o falante de a pé, non poida seguir falando como viña falando desde toda a vida. O que está nas Rías Baixas, con seseo e gheada. E o que está nas Altas, coas súas características. Cada un ten que ter a súa variedade oral e mantela. Pero coa estándar o que se trata é que, cando un vai facer un uso formal desa lingua, teña un instrumento unitario do que poder botar man.

—Vostede naceu allea ao galego, en Cantabria. Pese a iso, fixo do amor por esta lingua unha profesión e un modo de vida. Como foi?

—Eu vin moi nova a Galicia, con 7 anos. Era nova e permeable. Iso non significa que eu, co tempo, puidese ver que o galego fora unha lingua historicamente maltratada e que pasou por unha situación difícil e había que recuperala. Esta era a miña idea formada desde a constatación obxectiva, pero tamén desde o cariño persoal. Esa foi a razón. Logo, a formación filolóxica fixo todo o demais [ri].