Acaba de saír do prelo unha novela que cómpre ler, non só para gozarmos dunha historia ben feita e moi ben contada, senón para mergullármonos no universo moral de decenas e decenas de miles de non franquistas que non levantaron un dedo contra a ditadura e, mesmo, emitiron xestos, para sobreviviren, que foron un respaldo eficaz para o réxime de Franco. Titúlase Quen non ten un avó fascista? Editouna o selo Galaxia na súa colección Memoria histórica, que se estrea con esta novela, non allea, nalgunhas páxinas, ao ensaio. Na cuberta do libro hai dous nenos facendo o saúdo romano ante un grafito co retrato de Franco e o lema «Caudillo de Dios y de la Patria», un deles duns nove anos que ben podería ser eu, ben entendido que, de ser así, eu non sabía que semellante texto era unha blasfemia consentida e alentada pola Igrexa católica, apostólica e... española.
A autora, Inma López Silva (1978), hai tempo que, como narradora, fai brillantes incursións no territorio da represión franquista, sempre, como noutros relatos seus, cunha ollada moi pouco convencional. Non é unha escritora pacata esta narradora que tamén é orixinal e «rompedora» noutros xéneros literarios (ensaio, xornalismo, poesía); supoño que tamén o é nas súas clases universitarias sobre teoría e historia do teatro, eido ao que ten feito valiosas achegas. Agora cóntanos a historia de alguén condenado a sobrevivir naquel duro tempo e mísero.
Inma, como tantas e tantos, educouse nun fogar e nun clan no que non se falaba da Guerra Civil, ata que un día descobre que o seu avó paterno, Avelino López García, mestre, fora alcalde de Santiso, na Era de Franco, durante 27 anos (1952-1979) e que, mesmo, vestira —ou disfrazárase—, nalgún acto solemne, coa camisa azul da Falanxe. A novela vai contando, á beira dos achados biográficos, os atafegos da propia López Silva na investigación histórica, acompañada, en ocasións, por Fran, editor e, como ela, escritor de concepcións moi esquerdistas, co que está a vivir, nos seus inicios, unha experiencia amorosa maiúscula. Se o 36 se repetise —conta ela—, ambos os dous serían paseados polos salvadores da patria.