Picasso-Dalí

CULTURA

24 dic 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando ao pintor Salvador Dalí lle dicían que Pablo Picasso era comunista respondía sen dubidar: «Eu tampouco!». Aí acababa a conversa, porque o catalán nunca creu no suposto ou real comunismo do andaluz. Pero si que cría na pintura do malagueño, por máis que se diferenciara da súa en moitos aspectos. Polo demais, Dalí era 23 anos máis novo ca Picasso e isto tiña tamén a súa relevancia na ollada dun sobre o outro.

Os dous encontráronse por primeira vez en París en 1926. Un Dalí de 22 anos presentouse no taller de Picasso e díxolle: «Antes de visitar O Louvre dicidín vir verte». Dúas horas pasou Picasso mostrándolle as obras que tiña preparadas para unha exposición na Galería Rosenberg. E Dalí saíu fondamente desafiado daquela mostra. A partir deste encontro, o pintor de Figueras escribiulle tres cartas, vinte postais e algunhas invitacións. Pero moi axiña quedou claro que Picasso non era afeccionado a estes intercambios epistolares; en cambio, si que se ofreceu a pagarlle á parella Dalí-Gala unha viaxe a EE.UU. o 8 de setembro de 1934 a bordo do Champlain. Unha viaxe que moi posiblemente estivo na base de que un día moi posterior o Museo Dalí de St. Petersburg (Florida, EE.UU.) se convertera na mellor mostra internacional da obra daliniana, cun engadido de 78 gravados da Fundación Gala-Dalí de Figueras.

Na pintura dos primeiros cadros de Dalí os expertos dexergaron unha similitude con algunhas das obras de Picasso, e de feito entre 1931 e 1933 mesmo se puido falar dun diálogo entre as obras dos dous e, en particular, nalgunhas imaxes posteriores do Guernica. Retóricas de críticos que tampouco teñen maior relevancia porque, á fin, cada un foi o que foi, e aí está a súa obra, aínda no cumio.

É unha mágoa que a perspectiva española non coide máis as obras de Dalí, que, a este paso, pode acabar convertido nun pintor menor polos sectarios administradores do seu patrimonio español. O que sería unha mágoa e, sobre todo, unha inxustiza miserenta. Non se trata de poñer a un pintor por riba do outro, que isto depende dos gustos e entenderes de cada un. Trátase de atender por igual aos dous e deixar que os anos vaian pronunciando sobre eles o seu discurso valorativo, sempre en permanente evolución. Con isto, os dous sairán gañando.