O próximo Día das Letras Galegas será homenaxeado Francisco Fernández del Riego (Vilanova de Lourenzá, 1913-Vigo, 2010). El foi, precisamente, quen ideou a festa literaria que vai protagonizar o próximo 17 de maio, data da sesaxésima primeira edición. Súa foi a proposta no seo da Real Academia Galega en 1963, proposta que, aprobada pola institución, axiña se converteu, aínda en pleno franquismo, nunha cita eficaz e afervoada non só para homenaxear unha personalidade literaria ilustre senón para celebrar e reivindicar o discurso literario en idioma galego.
Non sei de ninguén que, na prensa, no libro e na tribuna, teña feito tanto por esta causa como Fernández del Riego. Felizmente, xa dispomos, con cinco meses de adianto, dun libro que condensa, debidamente comentadas, a biografía e a bibliografía de don Francisco. O seu autor, Ramón Nicolás, titulouno Francisco Fernández del Riego. Vida e obra dun obreiro do galeguismo (Xerais, 2022), título no que é un acerto o substantivo obreiro —referido ao teimoso traballador— pero que convén ler no sentido de que foi un intelectual que, mesmo no franquismo, abordou, con intelixencia, temas e cuestións nas que varias xeracións aprendemos a ler textos nosos esenciais. Aí están, como mínimo, a Historia de la literatura gallega (1951), insólita daquela; a primeira antoloxía poética do século XX como antoloxía consultada (1953) e Letras do noso tempo (1974), sobre escritores de fóra. Estes tres títulos, e outros quizais non menos significativos, son obxecto, no informadísimo manual de Ramón Nicolás, de observacións atinadas e alentadoras.
Manual con tanta e tan precisa información, ofrécenos, nas súas 140 páxinas, a biografía de quen foi un rexo activista da causa galega, ademais de erudito, orador xa aplaudido antes do 36, antólogo, bibliógrafo, inxente epistológrafo, viaxeiro literario, director rigoroso de revistas e institucións culturais, escritor memorialístico, autor de miles de páxinas xornalísticas, ensaísta, xeneroso prologuista e obreiro non alleo á literatura clandestina. Inmenso exercicio de pedagoxía galeguista!