Xosé Ramón Veiga: «Moitos só saben de Juana de Vega que é unha rúa da Coruña»
CULTURA
O historiador e ensaísta focense reivindica cunha gran biografía a figura desta intelectual e filántropa galega por descubrir
14 ene 2023 . Actualizado a las 14:01 h.Se nos preguntan por galegas ilustres no século XIX, seguramente nos veñan á cabeza dous ou tres nomes: Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán e, con sorte, Concepción Arenal. Esta é a resposta que lle dan os alumnos que comezan Historia ao profesor Xosé Ramón Veiga. O seu empeño é que esta lista se amplíe cunha figura tan fascinante como descoñecida. O historiador da USC presentou este xoves na Fundación Juana de Vega (apelido que castelanizou o pai de Juana, Antonio da Veiga) o libro no que afonda e achega datos inéditos da súa vida, Juana de Vega, condesa de Espoz y Mina. Facer do século (Editorial Galaxia).
—Case 800 páxinas de biografía, a vida de Juana si que foi intensa.
—No século XIX, non hai outra muller ao seu nivel en España.
—Por que?
—Non existe outra escritora de non ficción á súa altura, con tres obras publicadas; probablemente, non había outra coa súa influencia na vida política española, sempre entre bastidores por ser muller, algo que vemos nos parladoiros que organizaba na súa casa e na súa correspondencia privada, cos primeiros espadas, que a tiñan como un referente; ningunha outra galega foi aia dunha futura raíña de España, Isabel II; a mediados do XIX, só unha muller en toda España estaba vixiada pola policía, era ela, sospeitosa de impulsar movementos de signo liberal progresista polos que querían desterrala; tampouco coñezo ningunha outra que fose viceprotectora dos establecementos de beneficencia: Isabel II era a protectora a nivel do Estado e ela de Galicia. Ademais, concedéronlle o título de duquesa da Caridade, e, por último, só houbo unha muller na compañía que estudou o trazado do primeiro tren que nos conectou coa meseta, a liña de Palencia ata A Coruña, foi ela.
—Sería máis coñecida hoxe se fose escritora de ficción?
—Estou convencido. É igual de grave que un alumno que remata o instituto non saiba quen foi Rosalía como quen foi Juana. É sorprendente que o noso sistema educativo permita iso. Moitos só saben de Juana de Vega que é unha rúa da Coruña. Unha rúa que, curiosamente, remata onde comeza a praza de Mina, que se chama así polo seu marido. Vai sendo hora de que entre nos libros de Historia, que se recoñeza a nivel do Estado e de Galicia.
—Como a define?
—Con tres palabras: cumprir co deber. Ela tivo moitos deberes autoimpostos: coa memoria do seu marido, o militar liberal navarro Francisco Espoz y Mina; coa patria, no sentido romántico do século XIX; co liberalismo ou cos nenos orfos e dos hospicios á fronte da Asociación de Señoras coruñesa, na que estaba a nai de Emilia Pardo Bazán. Tamén cos que sufriron o cólera. Puido fuxir da Coruña no peor da pandemia, como fixeron as familias con posibles, pero quedou e expúxose.
—Unha feminista?
—Se lle preguntaramos isto a ela, probablemente nos mirase raro. Non foi unha revolucionaria. É unha burguesa liberal que ten claras as súas obrigas, pero si abriu camiño, dilatou as fronteiras que logo outras ampliaron dentro da órbita feminista.
—Sempre se presentou como filla de, muller de e viúva de.
—Era o seu profiláctico. Sabía que unha muller da súa posición non conseguía nada se ía contra o sistema de fronte. Empregaba esa coiraza na esfera pública, pero sempre estaba presente.
—Viúva aos 31 anos, discreta, de negro... lembra a Concepción Arenal, da que foi moi amiga.
—Vai dúo! Só as diferenciaba que Juana non tivo fillos. A sospeita que temos é que chegaron a vivir xuntas na casa de Juana na Coruña. Concha ía aos seus parladoiros nocturnos, aos que non descarto que acudise algunha vez Rosalía de Castro. Iso sería un auténtico bombazo. Unha concentración de talento espectacular nun espazo reducido. Iso era a Galiza do XIX e diso hai que comezar a presumir. O século XIX non está de moda en ningún caso, tampouco desde o punto de vista historiográfico. Moitos pensan que a única guerra civil foi a de 1936, e no XIX houbo polo menos tres entre liberais e carlistas.
—Como Juana la Loca, conservou con ela o corpo do seu marido.
—As dúas tiveron as súas razóns. A filla dos Reis Católicos, que de louca non tiña nada, foi porque desa maneira non podían obrigala a casar. Juana de Vega estaba moi namorada, creo que o necesita para saber que tiña ese respaldo. O corazón, que o tiña en formol, ía con ela cando marchaba de viaxe. E tamén o soterrou con ela.