Don Paco, a dignidade no uso da lingua

H. J. P. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Francisco Fernández del Riego (Lourenzá, 1913-Vigo, 2010), retratado na súa casa de Vigo medio ano antes do seu pasamento.
Francisco Fernández del Riego (Lourenzá, 1913-Vigo, 2010), retratado na súa casa de Vigo medio ano antes do seu pasamento. GUSTAVO RIVAS

As biografías de Ramón Nicolás e Malores Villanueva enxalzan o legado do escritor de Lourenzá, así como a tenacidade e amplitude da súa loita a prol da cultura galega

15 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O ano Francisco Fernández del Riego (Lourenzá, 1913-Vigo, 2010) botou andar hai apenas dez días e xa están nas librarías algunhas das publicacións máis relevantes que agarda o lector con motivo da homenaxe que se lle tributa no Día das Letras Galegas do 2023, cando se cumpren o 60.º aniversario da primeira celebración desta festa —da que foi inspirador e impulsor— e os 110 anos do nacemento do polígrafo lugués. Non podía haber cita máis acaída.

Dúas biografías ocupan un lugar principal nos escaparates das librarías: Un loitador pola idea de Galicia (Galaxia), de Malores Villanueva, e Vida e obra dun obreiro do galeguismo (Xerais), de Ramón Nicolás. Unha terceira, a que firma Héctor Cajaraville na colección Merlín do selo Xerais, O legado silandeiro, achegará a súa figura aos máis pequenos, que, por certo, teñen unha presenza principal na programación das letras, impensable hoxe sen a implicación dos centros educativos do país.

Encabezan os títulos dos tres textos (é obvio) o nome do protagonista: Francisco Fernández del Riego. E só con xuntar os seus subtítulos o lector farase unha idea cabal do talante de don Paco, cuxo espírito podería —como avanza Ramón Nicolás— condensarse na súa dedicación vital a lograr que os galego acadasen «a dignidade no uso do idioma». Foi o labor dun traballador irredutible no que non atopou descanso nin desánimo, pese a que en ocasións víñalle á mente a certeza de que «procedía dunha xeración truncada, a quen lle quebraran as súas expectativas, tanto as colectivas como as persoais». Malia ese convencemento, nunca se rendeu nin amosou desgana; ao contrario, era «un optimista radical», aseguraba, e en calquera dos moitos ámbitos nos que desenvolveu o seu apostolado —o Partido Galeguista, o Seminario de Estudos Galegos, Galaxia, a revista Grial, a Real Academia Galega, a Fundación Penzol— inoculou o virus da súa fe na cultura e na lingua do país e embarcou na súa empresa de reconstrución a todo o que apuntaba maneiras, a calquera no que vise talento, valores e vontade de alicerzar un futuro para o idioma de Rosalía, Curros e Castelao. El tiña claro, lembra Nicolás, que a base desa tarefa, sen recoñecemento nin remuneración, era asumir as ensinanzas e o legado da Xeración Nós, «a continuidade dun proceso inspirado na irmandade nunha causa, herdada dos seus precedentes no traballo cultural e político de antes da Guerra Civil e que el soubo como ninguén transmitir e potenciar».

Nicolás coñecíao ben, e tratábao desde os anos 90, pouco despois de licenciarse el como filólogo. Tamén Malores Villanueva o tratou e sinte fascinación pola súa capacidade para darlle a volta ás cousas e atoparlle o lado positivo, pese ter pasado por momentos crus nos que sufriu a guerra, viviu como «asasinaban amigos e compañeiros, a ditadura, a represión, a cadea, a enfermidade...».

Villanueva mantivo unha amizade estreita con don Paco nos seus tres últimos anos, nos que cada venres xantaban xuntos. Foi nese tempo no que rexistrou máis de cincuenta horas de conversas —e as que non gravou—, que son o substrato deste libro. «Era un carballo rexo, coas raiceiras profundas, co zume sempre rexuvenecido, ergueito, firme, vizoso», evoca a profesora e investigadora.

O seu libro subliña a importancia do compromiso político de Fernández del Riego xa desde mozo en Lourenzá, e o peso da relación con Cunqueiro nesa etapa, e non obvia as fases de malestar que atravesou, en particular co trato que lle deu Galaxia nalgunha etapa, en particular a xestionada por Carlos Casares.

Galaxia, atravesar o deserto cunha ponte á Xeración Nós

 

 

En Conversas con Paco del Riego, que firma Perfecto Conde (A Pontenova, 1943) e recupera o selo Xerais, e recolle unha serie de entrevistas que o veterano xornalista lugués lle fixo no seu piso da praza de Compostela de Vigo —unha delas prolongouse no restaurante Timón— entre abril e xuño do 2008 e que supoñen un retrato íntimo do escritor pero tamén un verdadeiro testamento da súa posición no mundo, unha clara proba do valioso legado de quen foi «un optimista que tratou de vivir con sentido do humor», lembra Francisco Fernández del Riego o seu tempo en Galaxia, onde empezou de secretario e rematou de presidente. Fixo de todo. Formaba un tridente de moito peso con Xaime Isla Couto —«un proxectista, un home que tiña ideas»— e Ramón Piñeiro —«un reflexivo»—. Para el quedaba un papel executivo: «Eu era o que tiraba para diante sempre. Ata no aspecto comercial e no entendemento coas librerías e cos subscritores. Ou intercambiando publicacións con entidades de fóra de Galicia». Recorda —e parece sorrir comprensivo— como se lles reprochaba que foran unha organización que esquivaba o compromiso: «Dicían de nós que estabamos facendo cultura sen forza de oposición ao franquismo, simplemente literatura vacua». Don Paco vincula esta actitude coa causa política da Unión do Pobo Galego (UPG): «Eles considerábannos inimigos [...] Pero logo viuse que o que perdurou foi o noso. Foi a base que serviu. O resto foi episódico. Tivo un tempo de vixencia determinado, pero logo foi desaparecendo pouco a pouco». Como lle dicía Cunqueiro cando deostaban a súa obra por xulgala escapista: «Xa verás como esta literatura [a do realismo] ten un tempo e logo vai desaparecer. Pola contra, a miña, que din que é de evasión, durará, e senón xa o veremos».

Relátalle a Conde como nos primeiros anos de Galaxia se atopaban cunha Galicia que era «un pleno deserto». A tarefa da editorial viguesa resultou clave para mudar ese escenario, na recuperación do prestixio da cultura galega. Nese sentido, razoa, incluso as novas xeracións que foron aparecendo no franquismo descoñecían todo o pasado e explica, por exemplo, o caso de Uxío Novoneyra, «que non sabía quen era Castelao». Foi así que trataron, rememora, de «resucitar e darlle dignidade á cultura galega, non utilizala en sentido localista e folclórico, como estaba sendo tratada por determinada xente, senón que lle quixemos dar unha entidade universal continuando o labor xa iniciado no século XIX e, sobre todo, perfilado pola Xeración Nós».

Fernández del Riego narra como non querían perder de vista á xuventude, sintonizar con ela para proxectala cara o futuro, «para que o idioma e a literatura fosen cobrando consistencia, actualidade e porvir». Con ese obxectivo, fixeron «toda clase de sacrificios», económicos, porque carecían de medios, e persoais, por opoñerse ao réxime e á censura.

Nese punto, bota en falta que eses mozos con talento que se sumaban non actuasen unidos, con sentido de xeración, coma eles.