Saen á luz 450 cartas entre Del Riego e Otero Pedrayo co gallo do 17 de maio

M. CARNEIRO A CORUÑA / LA VOZ

CULTURA

Fina Casalderrey, Víctor F. Freixanes e Henrique Monteagudo, na presentación do programa de actos que a RAG promove polo Día das Letras dedicado a Fernández del Riego, na Fundación Seoane.
Fina Casalderrey, Víctor F. Freixanes e Henrique Monteagudo, na presentación do programa de actos que a RAG promove polo Día das Letras dedicado a Fernández del Riego, na Fundación Seoane. Marcos Míguez

A RAG presentou o programa das Letras dedicado ao escritor de Lourenzá

09 feb 2023 . Actualizado a las 18:06 h.

Sesenta anos despois de que Francisco Fernández del Riego, recén chegado á Academia Galega, inventara o Día das Letras para reivindicar a Rosalía co pretexto do centenario da publicación de Cantares Gallegos o 17 de maio de 1863, a festa maior da cultura honra ao seu iniciador. O programa prenderá o 6 de marzo coa presentación dunha biografía teatralizada para cativos e rematará, como é costume, cun simposio no outono que abordará o legado que deixou o intelectual, editor, ensaísta e crítico literario nacido en Vilanova de Lourenzá en 1913 e finado en Vigo no 2010. Estas dúas xeografías vitais, amais da Coruña e Santiago, engarzarán os festexos previstos para celebralo.

«Don Paco foi un activista do galeguismo cultural incansable, pero ademais destacou como home de concordia que exerceu, coma ninguén no seu tempo, de ponte entre a Xeración Nós e os galeguistas máis novos, e tamén entre a Galicia da diáspora e o exilio interior no que el permaneceu», salientou este martes o presidente da RAG, Víctor Fernández Freixanes, canda Henrique Monteagudo e Fina Casalderrey.

Dese home de acción que xogou un papel transcendental para conectar a uns e outros quedaron vizosas relacións epistolares que mantivo durante décadas con intelectuais cimeiros e que hoxe constitúen «unha crónica da resistencia galeguista da posguerra dun valor incalculable», subliñou Freixanes. Xa editadas as cartas cos seus amigos Cunqueiro, Carballo Calero e Neira Vilas, ve a luz agora a correspondencia con Ramón Otero Pedrayo, un compendio de 450 cartas custodiadas na Fundación Penzol, un cento delas escritas por Del Riego desde finais dos anos 40 ata mediados dos 70 do século pasado.

Os dous gastrónomos

«Otero presidía Galaxia. Del Riego poñía en marcha a editorial e dirixía a revista Grial, era o referente para todos os contactos do galeguismo no mundo. E había entre eles unha sintonía que tiña que ver tamén con certo carácter gastrónomo que os dous compartían», ilustrou Henrique Monteagudo, que datou «á volta do verán» o lanzamento da publicación ao coidado da investigadora Patricia Arias Chachero.

Os pícaros da montaña luguesa coñecerán antes a biografía contada por Eva Mejuto, gañadora do premio Barriga Verde de textos para teatro de monicreques, e a ilustradora Lucía Cobo. As cousas de don Paco é unha viaxe teatralizada pola vida do intelectual a través dos obxectos que o acompañaron. «As lentes, a máquina de escribir, o lapis, o reloxo que lle regalara Evelina [a súa muller], que por iso era tan puntual», adiantou Casalderrey da obra que se estreará o 6 de marzo no colexio Juan Rey de Lourenzá, no marco da Primavera das Letras para nenos de infantil e primaria que se inaugurara con Manuel María no 2016. O acto concluirá coa proxección da curta A orixe da nosa lingua guapa, baseada nunha idea de Casalderrey coa que a RAG abre un espazo para divulgar a formación do galego. «Porque non podemos amar o que descoñecemos», anotou a creadora.

O ano Del Riego traerá en marzo unha serie web de seis capítulos realizada pola produtora Miramemira que se estreará na canle de Youtube e na páxina da RAG, onde pode lerse xa a biografía escrita por Ramón Nicolás. Tamén o Portal das Palabras lanzará contidos especiais. «Vemos que as novas tecnoloxías permítennos multiplicar a difusión das Letras alén do espazo presencial, a Bos Aires, Brasil e a todas as universidades onde se aprende galego», indicou un Freixanes movido «pola nosa obriga de pensar na cultura do século XXI que nos inspira».