Vinte actividades divulgan a obra da pintora María Antonia Dans polo Día da Ilustración
CULTURA

Unha mostra na Biblioteca de Galicia será a proposta central desta edición
25 ene 2023 . Actualizado a las 23:48 h.Exposicións, obradoiros, contacontos, charlas e mostras bibliográficas axudarán a coñecer máis a obra e a figura da pintora María Antonia Dans (Oza dos Ríos, 1922-Madrid, 1988), que este ano é homenaxeada polo Día da Ilustración o vindeiro día 30. As actividades son impulsadas pola Xunta de Galicia na súa rede de bibliotecas públicas en Santiago, A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo, e tamén pola Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI).
A mostra bibliográfica María Antonia Dans, a maxia da cor, que se inaugurará na Biblioteca de Galicia o vindeiro luns, será a peza central da programación da Consellería de Cultura para dar a coñecer esta artista que destacou por ser un referente no neoexpresionismo, polo protagonismo dos escenarios galegos nas súas obras e polo seu estilo ás veces cualificado de naif. Nesa mesma xornada, a AGPI celebra unhas xornadas na Sede de Afundación en Santiago que inclúen unha conferencia de Rosario Sarmiento sobre a pintora e un faladoiro coa participación de Bea Gregores e David Pintor.

Outra das actividades destacadas da programación é o obradoiro «Ilustremos en galego», a cargo do debuxante Siro, que impartirá o vindeiro 4 de febreiro na Biblioteca de Galicia para maiores de 14 anos.
Cartel de Siro
Precisamente, a Xunta encargoulle a Siro realizar o cartel desta edición da efeméride. Un traballo no que o debuxante amosa a súa visión da ilustración, un eido que lle esperta moito interese porque «é o triunfo da arte fronte á intolerancia», resaltou onte durante a presentación das actividades, un acto na Biblioteca Ánxel Casal de Santiago que estivo encabezado polo director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo. O representante da Xunta salientou a importancia de visualizar o traballo no eido da ilustración no que Galicia atesoura «moito talento», cun traballo moi visible tanto a nivel nacional como internacional. Tamén interviu a presidenta da AGPI, Laura Romero, que dou a coñecer as propostas desde o seu colectivo.
