«Ás oito da tarde, cando morren as nais», do CDG, faise con cinco candidaturas nunha primeira criba dos premios teatrais Max
CULTURA
Ao espectáculo dirixido por Marta Pazos séguenlle de preto «Credo», de Nova Galega de Danza, e «A peste», tamén do CDG. As artes escénicas galegas loitan por un posto finalista en 22 candidaturas
26 ene 2023 . Actualizado a las 22:55 h.As artes escénicas galegas aspiran a 22 premios Max, segundo a SGAE (Sociedad General de Autores y Editores), promotora do certame, que deu a coñecer onte a listaxe inicial de aspirantes —168 montaxes das 529 inscritas, nun novo récord absoluto para a organización—. A comisión —integrada por tres xurados territoriais, os de Madrid, Cataluña e o resto de comunidades— elixiu estes traballos nunha primeira fase cara a condición de candidatos finais, que serán os que acudan á gala que se celebra o vindeiro 17 de abril no Gran Teatro Falla de Cádiz. A penúltima criba correrá a cargo dun tribunal conformado polos presidentes dos mencionados xurados territoriais e catro personalidades da profesión, que designará os finalistas nas vinte categorías en xogo nesta 26.ª edición dos galardóns. O xurado que decidirá os vencedores será designado pola organización e está integrado por seis persoas que representarán ao teatro e a danza e as dúas especialidades premiadas (familiar e rúa) e catro personalidades do mundo escénico.
A obra con máis candidaturas nesta fase inicial é Ás oito da tarde, cando morren as nais, do CDG, que concorre ao mellor espectáculo de teatro, adaptación teatral (Marta Pazos, sobre texto de AveLina Pérez), dirección de escena (Marta Pazos), espazo escénico (Blanca Añón) e vestiario (Pier Paolo Alvaro). Séguenlle de preto Credo, de Nova Galega de Danza, que aspira aos premios de espectáculo de rúa, iluminación (Antón Cabado), intérpretes feminina de danza (Inés Vieites) e masculino (Ricardo Fernández); e A peste, do CDG, a adaptación teatral (Cándido Pazó), dirección de escena (C. Pazó), espazo escénico (Dani Trillo) e vestiario (Martina Cambeiro).
Papagena, de ButacaZero, pelexa en dúas categorías: mellor montaxe musical ou lírica e labor de produción. Cunha candidatura, están A cazola de Lola, de Tanxarina (espectáculo público familiar); Esther Carrodeguas por Supernormales (autoría teatral); Marta Pérez e Ernesto Is por O péndulo (autoría teatral); Juan Rodríguez Santiago por Quixote (adaptación teatral); Carlos Álvarez-Ossorio (iluminación) por O péndulo; Patricia Vázquez (actriz), por O porco de pé e Josito Porto (actor) por Smoke on the water.