O pasado 21 de xaneiro deste novo ano, presentouse na Cidade da Cultura de Compostela O gran camiño. Unha proba ciclista que durante catro etapas percorrerá as catro provincias galegas entre os días 23 e 26 de febreiro, e na que van participar grandes personalidades internacionais deste deporte tan querido e popular no noso país. Con anterioridade, Ezequiel Mosquera, un dos grandes do ciclismo galego, persoeiro icónico e ideólogo principal deste evento, contactou comigo para ver de empregar un tema de Luar Na Lubre como banda sonora. Indudablemente a min fíxome moita ilusión e considerei un honor que pensara na música galega e particularmente na nosa para acompañar todo o que significa un evento destas características.
Non coñecía a Ezequiel pero tivemos unha longa conversa na que el me explicou o que estaban artellando e cal era a melodía que el particularmente pensaba que encaixaba á perfección neste proxecto. A música en cuestión é a Cantiga de Santa María número 166 do rei Alfonso X O Sabio. Na versión que nos fixemos deste tema, gravada no ano 2002, contamos coa colaboración da Orquestra Sinfónica de Bratislava-Eslovaquia e tamén tocando o ud árabe (laúd) o excelente multiinstrumentista sudanés Wafir S. Gibril. Unha marabilla que despois de vista como quedou na montaxe do vídeo promocional deixoume sinceramente abraiado polo excelente sincretismo entre as imaxes e a música.
O gran camiño presentouse hai uns días na sala Fontán da Cidade da Cultura de Compostela e eu estiven convidado ao acto. Miraba ao meu redor e estaba compartindo espazo con Álvaro Pino, con Ezequiel Mosquera con Óscar Pereiro e moitas e moitos máis dos grandes do noso ciclismo e pensaba no meu pasado como ciclista afeccionado cunha Fausto Coppi profesional de cinco piñóns e dúas catalinas que me trouxera o meu irmán Moncho de Italia cando eu era un preadolescente. Moitos quilómetros lle teño feito a aquela espectacular bicicleta polas terras de Maceda e moi ben o teño pasado con amigos e en solitario pedaleando sen parar. O tempo pasou, a bicicleta xa non está pero sempre quedaron aqueles bonitos e únicos recordos que volveron a min nestes días nos que Ezequiel me chamou e me fixo lembrar.