«Saudade de ti» e «A lei de Santos» optan ao galardon á mellor serie do ano nos Mestre Mateo
CULTURA
![Imaxe da gala dos premios Mestre Mateo do ano 2021](https://img.lavdg.com/sc/6X1OMiPorZiNn0Kg-BqVk7BMHhE=/480x/2023/02/07/00121675793402307254209/Foto/VF8P32F1_19750.jpg)
A gala dos premios terá lugar o próximo 11 de marzo no Auditorio Municipal de Ourense
07 feb 2023 . Actualizado a las 20:08 h.Dúas producións de Voz Audiovisual, A lei de Santos e Saudade de ti, optan a ser recoñecidas como mellor serie de ano nos premios Mestre Mateo que se celebrarán o próximo 11 de marzo no Auditorio Municipal de Ourense. As dúas series emítense na TVG e compiten polo galardón con Operación Marea Negra e Rapa.
As nominacións dos premios fixéronse públicas onte por parte dos académicos Esther Estévez, Iolanda Muíños e Xosé A. Touriñán. Nesta primeira rolda de votacións Rapa quedou como a produción máis votada entre as 194 que se presentaron con 19 candidaturas. Séguelle por O corpo aberto, con 16, Código Emperador, con oito e Unicorn Wars, con seis.
Dous dos profesionais finalistas contan con tres candidaturas: Alberto Vázquez, polo seu traballo en dirección, guión e dirección de arte de Unicorn Wars e Jorge Coira, pola montaxe de Rapa e a dirección de Código Emperador e Rapa. Esta serie, dirixida por Jorge Coira e Elena Trapé, e a longametraxe de Ángeles Huerta O corpo aberto, acaparan as candidaturas das categorías de interpretación e competirán na mellor dirección, dirección de arte, dirección de fotografía, dirección de produción, guión, maquillaxe e perruquería, montaxe, son e vestiario.
En Rapa, Berta Ojea, Iria Sobrado e Paula Morado son finalistas na categoría de mellor interpretación feminina de reparto e Lucía Veiga e Mónica López na de mellor interpretación feminina protagonista. Ricardo de Barreiro e Adrián Ríos son finalistas como intérpretes de reparto e Javier Cámara como protagonista.
En O corpo aberto, Elena Seijo e Federico Pérez Rey competirán nas categorías de reparto e María Vázquez, Victoria Guerra e Tamar Novas como intérpretes protagonistas. Completan as candidaturas de interpretación Denís Gómez (reparto) e Luís Tosar (protagonista) en Código Emperador e Manuel Manquiña (protagonista) en O home e o can.
O corpo aberto é finalista a mellor longametraxe xunto con Código Emperador, Live is Life e O home e o can. Este ano hai dous filmes de animación que competirán polo premio nesta categoría: Valentina e Unicorn Wars. As finalistas a Mellor documental son A foreign song, María Casares. A muller que viviu mil vidas, No somos nada e Onde máis doe.
Na categoría de Mellor serie web compiten Delicias amargas, Historias vageniales, Prigandas e Terapia de. Na categoría de Mellor comunicador as académicas e académicos quixeron recoñecer o traballo de Esther Estévez, Simone Saibene, Xose A. Touriñán e Mario Brión Toucedo. No caso dos tres primeiros, tamén foron recoñecidos os programas polos que compiten na categoría corrrespondente: Dígocho Eu, Cinephilia, Catro Gatos, ademais de Clac. Na categoría de Mellor realización son finalistas Rubén Veiga (Malo Será!), Simón Casal de Miguel (Artificial Justice), Simone Saibene (Cinephilia) e Jairo Iglesias (Catro Gatos).