María do Ceo: «Imaxino que o meu público me acompañará ata eu morrer»

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

CULTURA

María do Ceo posa co seu novo traballo, o álbum «Galicia nai».
María do Ceo posa co seu novo traballo, o álbum «Galicia nai». Capotillo

Con «Galicia nai», a cantante portuguesa afincada en Ourense leva ao terreo do fado unha ducia de poemas galegos

22 feb 2023 . Actualizado a las 12:00 h.

Galicia nai é un disco que conforman doce poemas de autores da literatura galega. «O único vivo é Armando González López, que é un poeta ourensán que compón para min dende 1998 e co que teño unha gran amizade». O novo traballo discográfico de María do Ceo é un canto de amor a súa terra de adopción, Galicia, á súa lingua e aos seus bardos, pero tamén combativo fronte a violencia de xénero con cancións como A morada de bágoas. Abre o disco Manuel María co poema A fala e péchao unha versión levada ao fado con guitarra portuguesa de Adiós ríos, adiós fontes, de Rosalía de Castro, e polo medio poemas compostos por Xosé Neira Vilas, Rosalía, Ricardo Carvalho Calero e Pepe Velo. «Oito deles levan músicas propias e participa a miña familia, que son os que me acompañan nos directos. O meu home á guitarra española e o noso fillo na portuguesa», engade.

—E a publicación coincide cos seus vinte e cinco anos de carreira musical?

—Si. É unha maneira de agradecer aos galegos o cariño, o mimiño, o apoio co que nestes vinte e cinco anos me teñen sempre agasallado. A guinda era facer un disco á Galicia á que estou tan agradecida. O título fai referencia ao poema de Armando González López onde fala de Galicia nai empregando adxectivos cualificativos. Xa no primeiro verso atopas como doce cualificativos ao marabillosa que é Galicia como terra, como nación, á lingua, á gastronomía... Vin aquí con 10 anos e levo 53.

—Haberá xira de concertos?

—Si. En abril xa comezamos. O 2 estou en Redondela e tamén na fin de semana da Festa da Lamprea, en xullo en Castro Caldelas... Estamos pechando datas.

—E virá a Pontevedra?

—Si. Son unha artista moi querida en toda Galicia, pero especialmente na zona de Pontevedra. Sempre me encontrei moi ben e noto o cariño grande do público.

—Fala de que, ademais dunha homenaxe a Galicia, é unha compilación da súa carreira. Cambiou moito a escena musical galega?

—Si. Moito non, moitísimo. Antes tiñamos un traballo asegurado, agora non. Ao mellor de aquí a quince días chámante, cousa que antes era impensable. Pero tamén cambiou o propio formato. Cando publiquei este traballo atopeime con moita xente que me di que non ten onde poñelo a soar. Pero o máis grave non é iso, o máis grave é que vaias a unha emisora e atopes que te din: «Pero, tráesmo físico? En mp3 non mo podes mandar?». Xa nin eles teñen como metelo no ordenador. En 1997 gravei o meu primeiro disco en cedé e en cinta de casete e no 1998 edito outro traballo, Vellas lembranzas, nos mesmos formatos e, vinte e cinco anos despois, están obsoletos. E eu sigo loitando por estes disco-libros. Tocar un disco, ver os poemas, ler os prólogos, coñecer as caras das persoas que participan... Doutra maneira é moi frío. O resto non mudou. O meu público segue sendo o mesmo. É un público que imaxino que me acompañará ata eu morrer porque, máis ou menos, imos sendo da idade.

—Creo que non é así. Penso que engancha ás novas xeracións.

—É certo. Encóntrome nos concertos con xente nova que lle gusta, que descubriron este estilo.

—En todo caso, en Galicia segue a haber un oco para o fado.

—Si, este disco é fadista cen por cen. Cando escoitas o traballo dis: «Isto é fado». Está a guitarra portuguesa facendo os acordes do fado, os arranxos do fado e, de feito, os dous poemas de Neira Vilas, un é do estilo do Fado Alberto e o outro é do estilo do Fado triplicado. Escoitas eses dous estilos e pensas que estás a escoitar un álbum de música portuguesa. E claro que é música portuguesa, pero a escrita e a fala, a linguaxe do disco, é en lingua galega.

—Por que cre que pese a todo hai tanto descoñecemento en Galicia da música que se fai aquí ao lado, en Portugal, e viceversa?

—O peor é que nós coñecemos moitísimo máis da música portuguesa que os portugueses coñecen da nosa música. Non o entendo, nin nunca o entenderei. Creo que, en todo caso, de Porto para arriba non pasa iso. Teño moitos amigos que fan libros en galego e preséntanos en librarías de Porto, Braga... pero xa de Porto para baixo... A nosa lingua é moi descoñecida para os portugueses do sur.

—E falando da lingua, hai a percepción de que, mentres que a música en galego está crecendo, o número de galegofalantes vai caendo?

—Si. É verdade. É estraño e moi contraditorio. Eu véxoo no día a día e en moitos lugares aos que imos. Moitos nenos que non o falan e é unha pena. Este ano fixemos un vídeo sobre A fala e enfocámolo aí, enfocámolo nas escolas... No videoclip aparecen nenos doutras nacionalidades que son os que van facer perdurar a nosa lingua. Eu son portuguesa, nacín en Portugal e canto a Galicia. En todo caso, aínda non se fai tanto como se debería de facer. Creo que a xente ten vergoña de facelo mal. Son das que pensa que hai que facelo aínda que o fagas mal, aínda que non sexa moi correcto. Eu cometo erros cando escribo porque mesturáseme o galego co portugués, pero a cuestión e continuar e facelo.

—Voltando ao disco, como foi a gravación?

—Gravámolo na Estrada, onde eu gravo sempre. De dezasete discos que teño editados, aí gravei quince. E os outros foron nun estudo en Portugal e noutro de Galicia. Pedinlle a Armando que fixera un poema sobre Galicia, pero como se fose unha muller e xurdiu Galicia nai. Aí naceu a idea do traballo, un disco todo en lingua galega e que todas as cancións tiveran algo que ver. Collín os libros dos poetas aos que lles teño afición e cariño e algúns deles van aquí. A partir de aí empecei cos arranxos e as músicas para logo ir ao estudio. Gravalo foi doado e rápido. En dous meses estaba gravado. O máis difícil é musicar e saber o que queres facer, o que queres transmitir. Iso foi un ano de traballo.

—E cantos poemas quedaron no caixón?

—Moitos, quedan moitos poemas fóra porque chega un momento en que... máis de doce cancións non debes meter, aínda que por min gravaba cincuenta. De Neira Vilas teño doce poemas inéditos que fixo para min. Tiña participado nun disco infantil e Neira Vilas agradeceumo. Díxome de facer algo en conxunto, pero que non tivera que ver con temas infantís, máis ben un disco de saudade, de morriña e díxenlle «vamos». E comezou a facer poemas para min. Preguntábame da miña vida e, de feito, un dos poemas do disco titúlase Tres ríos e fala dos ríos que formaron parte da miña vida: o Douro, o Támega e o Miño. E outro é Así era eu que era como Neira Vilas me vía a min de pequena. E logo Ricardo Carvalho Calero para min é un letrista que é unha marabilla. E se vamos a Rosalía... pois queda moito por musicar dela. Tamén son unha namorada de Manuel María, que me transmite tanto, tanto... A fala abre este traballo e xa di moito.