Que fai agora... Xosé Miranda, escritor: «A literatura non debe aburrir ao lector»

Xosé María Palacios Muruais
XOSÉ MARÍA PALACIOS LUGO / LA VOZ

CULTURA

CARLOS CORTÉS

Autor de obras como «Morning star», considera que o goce da lectura é unha base necesaria para culturas como a galega

02 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai libros que semellan ser unha declaración de intencións. Un le Morning star e mergúllase nunha obra á que seguramente non lle vén mal a definición de novela de aventuras. Para o seu autor, Xosé Miranda (Lugo, 1955), trátase dunha estratexia ben fundada e ben explicada. «Hai que facer libros que atrapen o lector», di o escritor, convencido de que o goce na lectura debe ser compañeiro inseparable de quen colle unha obra nas mans. «A literatura non debe aburrir o lector», explica.

Miranda estudou Bioloxía —o primeiro curso, no Colexio Universitario de Lugo, e os outros, en Santiago—, e esa formación levouno despois á docencia. Exerceu en Ordes, en Xinzo de Limia e en institutos de Chantada antes de ter praza nun instituto da súa cidade natal, o IES Xoán Montes, no que deu clases ata a súa xubilación. Se cadra por ese contacto coa xente nova, comenta que «hai que diversificar a literatura galega» na procura de novos lectores.

Se unha obra de Miranda como Morning star amosa que se poden escribir libros de aventuras en galego que chegan a acadar o interese do público, outras, coma o Dicionario dos seres míticos galegos, escrito con Xoán Cuba e con Antonio Reigosa, semellan xurdir da idea de que o imaxinario galego non é distinto nin menos rico ca o doutras zonas de Europa. El confesa que sempre defendeu «unha literatura do fantástico, do marabilloso», pero tamén engade que «en Galicia hai unha tradición que cómpre poñer en valor».

Quéirase ou non, esas tradicións e esas lendas remiten a tempos pasados nos que xuntarse para contar historias, sobre todo polas noites, era unha maneira de pasar o tempo e de manter os vencellos cos veciños. Miranda non nega esa diferenza, e mesmo lembra que el pasou a nenez nunha zona de Lugo, o barrio do Castiñeiro, onde hoxe resulta difícil imaxinar unha gran chousa á que ían familias do centro da cidade, en días de verán, coas súas merendas. «O Lugo da miña nenez non é o de hoxe», recoñece.

Xosé Miranda, hai vinte anos
Xosé Miranda, hai vinte anos HENRIQUE HORTAS

De todos os xeitos, non dá por morta a tradición oral: «Eses contos apenas se contan, cóntanse doutra maneira». Para o escritor, a aparición de contacontos nos últimos anos axudou a manter viva a chama das historias orais. Ademais, cre que nin sequera o mundo dos teléfonos móbiles e das redes sociais pode prescindir de narracións que teñen un toque algo fantástico.

Se antes había lendas vencelladas cun mundo rural, agora hainas urbanas porque gran parte da sociedade vive en cidades. «Son cousas que pretenden pasar por certas, e iso é o que as converte en lendas», di. Hai máis base literaria en Lugo, no Lugo seu, no Lugo de Ánxel Fole, ca noutros lugares? É Lugo unha cidade especialmente literaria? «Todas o son», afirma Xosé Miranda. Os lectores quizais o poderán volver comprobar, porque el, malia observar menos interese pola lectura, non deixa de escribir.

Fun

Profesor de ensino secundario en diferentes cidades e autor de varias obras

Son

Estou xubilado como profesor e vivo en Lugo