«Ás oito da tarde, cando morren as nais» e «As que limpan», favoritas nos premios María Casares de teatro

CULTURA

Quince montaxes competirán polos 16 galardóns que se poñen en xogo na gala do día 30
20 feb 2024 . Actualizado a las 22:07 h.Con nove candidaturas cada unha, as montaxes Ás oito da tarde, cando morren as nais, do Centro Dramático Galego, e As que limpan, da compañía A Panadaría, parten como as favoritas na 27.ª edición dos premios de teatro María Casares. Séguenlle Smoke on the water, de Ibuprofeno Teatro, e O porco de pé, de Producións Teatráis Excéntricas, que optan a distincións en seis categorías distintas. En total son quince os espectáculos que compiten por acadar algún dos 16 galardóns organizados pola Asociacións de Actores de Galicia (AAAG) e que se entregarán durante a gala que se celebrará o 30 de marzo no Teatro Rosalía de Castro da Coruña. As candidaturas definitivas déronse a coñecer este mércores na xa tradicional festa de finalistas que acolle a cafetería Lasso do Auditorio de Galicia. No encontro, conducido pola actriz Arantxa Treus, tamén participaron, entre outros, o director da Agadic, Jacobo Sutil; e o responsable de cultura da Deputación coruñesa, Xurxo Couto.
Ás oito da tarde, cando morren as nais, da compañía pública galega, é finalista nas categorías de dirección, dirección de movemento, actriz secundaria, actor secundario (por partida dobre), espazo escénico, iluminación, texto orixinal e vestiario. Esta peza, dirixida por Marta Pazos e que aborda a relación entre o teatro e a súa percepción por parte do público, tamén conta con cinco candidaturas na listaxe inicial aos premios Max. Pola súa banda, As que limpan, da Panadaría, que trata a loita das camareiras de piso galegas, parte con opcións nas seccións de espectáculo, dirección, dirección de movemento, actriz protagonista, actriz secundaria (por partida dobre), espazo sonoro, maquillaxe e texto orixinal.
Rock e novelas
A peza a golpe de rock de Ibuprofeno Teatro Smoke on the water acadou seis finalistas: actor protagonista, actriz protagonista, actor secundario, espazo escénico, espazo sonoro e maquillaxe. Pola súa banda, a versión teatral sobre a novela de Vicente Risco O porco de pé, a cargo de Excéntricas, aspira a galardóns nas categorías de mellor espectáculo, adaptación, actriz protagonista, actor protagonista, actor secundario e vestiario.
Continente María, de Ainé Producións e A Quinta do Cuadrante, opta a cinco María Casares (dirección, texto orixinal, actriz protagonista, espazo sonoro e iluminación); mentres que O deus do pop, de Diego Anido, aspira a catro galardóns (espectáculo, actor protagonista, dirección de movemento e iluminación). Polo mesmo número de distincións competirá A peste, do Centro Dramático Galego (adaptación, tradución, actriz secundaria, espazo escénico e vestiario).
Pola súa banda, Ragazzo, da compañía Barrosanta, opta a dous galardóns (actor protagonista e adaptación-tradución). A un premio aspira Papagena, de Butacazero, pola maquillaxe. Tamén unha candidatura, ao mellor espectáculo infantil, teñen Ninja, de Teatro Ghazafelhos; Wombo combo, de Galeteatro; e A nena que vivía nunha caixa de mistos, de Caramuxo Teatro.
Por último, polo premio de nova creación para os espectáculos de monicreques, obxectos e figuras animadas competirán A barca do inferno, de Nauta Teatro; Raio The Loubica, de Micromina; e Xela contra o dragón Traga-verbas, de Títeres Cachirulo. Non é a única categoría nova nesta edición dos premios de teatro María Casares, xa que tamén se incorporou a de mellor dirección de movementos, que procura recoñecer un traballo cada vez máis presente nos espectáculos teatrais. A esta edición dos galardóns presentáronse un total de 36 espectáculos.