A semana pasada conteivos sobre a miña presenza nos entroidos de Maceda e de Esgos en Ourense. En anos anteriores tamén estiven en varias ocasións en outros da mesma provincia coma os de Xinzo de Limia, Laza, Verín ou Viana do Bolo. Neles teño desfrutado en maior e menor medida dependendo das circunstancias de cada momento, pero, sobre todo, sempre estiven moi atento ás súas propias bandas sonoras. E non me refiro só ao balbordo que forman as persoas nas algarabías tumultuosas senón ás sonoridades de seu dos diferentes rituais, aínda que a xente tamén forme parte diso.
Así en Maceda, Laza ou Verín, felos, peliqueiros e cigarróns móvense ao son das chocas coas súas variantes e expresións sonoras como base principal aínda que non haxa unha rítmica determinada e constante. En Xinzo as pantallas cos seus cintos de campaíñas e axóuxeres sumados ao bater seco das vexigas, nun principio de porco e mais de vaca na actualidade, crean unha sonoridade que cos seus berros guturais semella máis propia do alén.
Nestes entroidos nomeados non hai unhas músicas propias fóra desas sonoridades creadas polos elementos que o protagonizan e compoñen aínda que se lles foran engadindo charangas, gaiteiros ou o estrondo ben traído dos grupos de percusión, maiormente chegados dende Portugal.
Mais si hai entroidos que posúen unha musicalidade de seu. De primeira man, in situ, só vivín o de Viana do Bolo. Alí escoitei un bucle sonoro compasado que acompañaba unha cerimonia alucinante como se os que alí estaban entraran nun transo que semellaba non ter fin. Aquel 2019 en Viana, lembro que fora convidado a un programa de RNE, xa pola noite estaba nun restaurante no centro da vila con Pepa Fernández, Andrés Aberasturi e José Ramón Pardo. Fóra, pero como se estivesen dentro, sentíase ese son inacabable e ata perturbador.
Eles non daban creto daquela situación e preguntábanme abraiados o porque dese son constante e tenaz. Tentei explicárllelo ao meu xeito mais os meus argumentos creo que non lles valían de moito. Tamén son consciente de que fóra de contexto non é doado comprender todo iso e tampouco insistín demasiado deixando que todo fose fluíndo como debe. E nin tan mal.