
A Asociación de Actores de Galicia recoñece o seu labor como referente e pioneiro en series televisivas como «As leis de Celavella», obras de teatro do CDG como «Valle98», «Se o vello Simbad volvese ás illas» e «Noite de Reis» e o traballo para compañías como Matarile, Talía, Teatro do Nororeste, Sarabela e Voadora e, no ámbito da danza, o Centro Coreográfico Galego, Cía. Quique Peón, D2 e Uxía P. Vaello e Borja Fernández
09 mar 2023 . Actualizado a las 20:32 h.A directiva da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) concedeulle a Cloti Vaello (Ribeira, 1955), xastra afincada en Vilagarcía de Arousa, o premio de honra Marisa Soto, galardón co que a profesión teatral recoñece o labor de persoas ou institucións a prol do sector escénico. Únese así a unha longa lista de homenaxeados que inclúe, entre outros proxectos e figuras, a Ana Romaní, Pilar Pereira, Gonzalo Uriarte, Rosa Álvarez, a Sala Nasa, Flor Maceiras, a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas ou Lino Braxe, quen recibiu esta distinción o ano pasado a título póstumo. O galardón entregarase na gala dos premios de teatro María Casares, que se celebra o 30 de marzo no Teatro Rosalía Castro da Coruña.
O colectivo distingue así a dilatada traxectoria de Vaello, cuxa carreira medrou á par que a profesionalización do teatro en Galicia. Con este recoñecemento, preténdese poñer en valor o esforzo fundamental desas profesións que, sendo imprescindibles para a escena, se desenvolven lonxe dos focos e sen o aplauso do público. Teatreiras como ela resultan fundamentais para o sector, mais os seus rostros pasan desapercibidos para os espectadores, subliña a asociación que promove o certame. Este premio é, polo tanto, un recoñecemento para os oficios invisibles do teatro.
A directiva escolle a Cloti Vaello «por ser referente e ser pioneira, e tamén por encarnar como poucas persoas a evolución da escena galega, dende o inicio da súa profesionalización en 1978 até os días actuais. En definitiva, Cloti Vaello é teatro en vida», proclama a AAAG.
Modistería feminina e xastrería masculina
Cloti Vaello formouse simultaneamente en dúas técnicas de costura dende os trece anos: en modistería feminina e xastrería masculina, explica o colectivo. Tras anos dedicados á formación e ao traballo iniciático, acabou por encarreirar o seu oficio cara á creatividade do mundo da escena. Exerceu así durante corenta anos como xastra, costureira, deseñadora de vestiario e docente. A súa agulla deixou pegada tamén no ramo audiovisual, exercendo o seu oficio en producións televisivas e cinematográficas.

Cloti Vaello arrincou a súa traxectoria da man de Roberto Vidal Bolaño e César Lombera en 1979, xusto nos inicios da profesionalización do teatro en Galicia. Entre os anos 1998 e 2008, formou parte do equipo de xastrería da Aula de Teatro da Universidade de Santiago e do Centro Dramático Galego. Na institución de teatro público, Vaello realizou vestiarios en producións como Valle98 (1998), Se o vello Simbad volvese ás illas (1999), Rosalía (2001), Daquel Abrente (2005), A piragua (2007) ou Noite de Reis (2008).
Ao longo dos anos, recorda a AAAG, tamén traballou para as principais compañías privadas de Galicia. Así, a súa pegada deixouse notar nos vestiarios de Matarile (Animales artificiales ou Truenos y misterios), Talía Teatro (Supermais, Xustiza infinita, Esperando a Godot ou Valentino Rufini), Teatro do Nororeste (Imperial Café Cantante ou Glass City), Sarabela Teatro (O heroe, Margar no pazo do tempo ou O cabodano) e Voadora (Super 8 ou Tokio 3).
No ámbito da danza, Vaello traballou para o Centro Coreográfico Galego (Vacuo, 2005), Cía. Quique Peón (Ovai, 2009), Uxía P. Vaello e Borja Fernández (Play, 2008) ou D2 (Cos pés na terra, 2009).
Para o audiovisual, exerceu en series como As leis de Celavella ou Libro de familia, en programas como Historias de Galicia, documentais como As irmás Fandiño ou fitas como O Apóstolo, produción de stop-motion do ano 2012. O seu amplo currículo complétase co traballo desenvolvido para outras aulas de teatro universitario como son as de Lugo e A Coruña, así como o espazo de danza da USC e a realización de vestiario de xigantes e cabezudos con César Lombera entre 1984 e 1992. Tamén realizou o vestiario no 2004 do Ordo Prophetarum da Catedral de Santiago. No 2010, levou un premio María Casares ao vestiario pola obra Bicharada, espectáculo de Berrobambán dirixida por Evaristo Calvo.
O premio Marisa Soto seralle entregado a Cloti Vaello na gala dos María Casares, organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia deste 1997. Os galardóns do teatro contan co patrocinio e o apoio de entidades e institucións como a Xunta, a Deputación da Coruña, o Concello da Coruña, o Padroado de Cultura do Concello de Narón, a Fundación AISGE e Gadis.