Estas catro palabras do escritor Manuel Murguía (1833-1923) hai que lelas, coma calquera outras, dentro do seu marco textual: «Por más que la comparación sea vulgar, siempre se dirá de la mujer que, como la violeta, tanto más escondida vive, tanto es mejor el perfume que exhala. La mujer debe ser sin hechos y sin biografía, pues siempre hay en ella algo a que no debe tocarse». A cita, que debería ser máis ampla, procede das fermosísimas páxinas que o autor titulou Rosalía de Castro, un dos dez capítulos do libro Los precursores (1886). Rosalía, a súa esposa, falecera había pouco.
O texto, de fins do XIX, está moi preto do XVI, o século de fray Luis de León, autor dunha formulación que xa alporizaba ao tímido feminismo decimonónico: «La mujer casada, la pierna quebrada y en casa». En efecto, Murguía, o Patriarca, verbo do seu discurso intelectual sobre a muller, non era fillo do seu tempo; érao dun tempo moi anterior.
De todos os xeitos, para entendermos ben este texto tan patriarcal de Murguía, imponse ter en conta que esas palabras están motivadas pola súa muller, por Rosalía de Castro, que era filla de solteira e da que non poucos suxerían que seu pai era clérigo, dúas circunstancias que, na sociedade da época, xeraban comentarios e comportamentos moi negativos. Así as cousas, Murguía tratou, durante máis de seis décadas, de omitir episodios significativos da vida da súa muller, chegando mesmo a promover a desaparición das cartas da escritora ao seu curmán, librepensador, José de la Hermida Castro. Nese longo período, ás veces coa axuda de importantes homes de letras (Carré Aldao, por exemplo), foi construíndo un intento de biografía canónica que, pasado algún tempo, os investigadores foron desidealizando co resultado dunha Rosalía máis humana, máis grande e máis na realidade histórica, na que, como escritora, tantas veces se inspirou.
Pero sobre o significado de Rosalía como poeta son moi valiosas as páxinas do Patriarca que Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda recolle, exhaustivamente, no volume próximo a saír Rosalía vista por Murguía (con textos inéditos).