Lembro dende sempre consumir os ovos da aldea como os mellores do mundo. As pitas eran criadas na casa co propio millo sementado polo meu avó completando a súa alimentación con verdura da horta e de xeito natural coa fochica que facían na ampla horta que había detrás da casa. O galiñeiro estaba composto por arredor dunha ducia de galiñas e só un galo moi repoludo. As pitas eran moi diferentes entre elas, habías brancas, marróns, negras, sen plumaxe no pescozo... pero sempre realizando as súas funcións. Nunca lles atendín moito pero si me quedou moi claro que aqueles ovos que puñan marcaron un listón moi alto no meu padal respecto dos que puñan as que estaban criadas doutro xeito.
Na casa de Niñodaguia sempre houbo galiñeiro ata o pasamento dos meus avós, e as pitas, como as vacas, os porcos e tamén as abellas formaban parte daquel universo natural que era a aldea. Co paso do tempo, e xa vivindo na casa actual, un amigo agasalloume media ducia de pitas e un galo de raza piñeira. Non tiña nin idea que era iso da raza piñeira ata ese momento, e comecei a interesarme polo tema. Galiñas autóctonas aínda non recoñecidas oficialmente no catálogo oficial de razas do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, como si o están as de Mos (San Xiao de Mos, Castro de Rei, Lugo), pero polo que diversos colectivos levan loitando dende hai anos.
Foi en 1998 cando o veterinario Xesús García Rodríguez impulsou a recuperación destas pitas dende a observación e investigación que realizou nunha explotación da comarca de Arzúa. Grazas a este punto inicial e ao labor de distintas asociacións, esta raza avícola está recuperada, prestixiada e agardando polo recoñecemento oficial que xa tarda. E polo visto son chamadas piñeiras pola cor e forma da súa plumaxe semellante ás piñas aínda que tamén as haxa con algunha variante e incluso brancas. O caso é que naquel galiñeiro chegamos a ter dúas niñadas de sete pitos cada unha dos que apenas saíron adiante un par deles por non ter nós os coñecementos debidos. Incluso entre aquelas pitas había unha branca ben bonita e cariñosa á que lle encantaban as caricias e os mimos. Longa vida ás pitas piñeiras e a todas as razas autóctonas galegas.