Outra volta pola ribeira

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

CULTURA

21 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Son afeccionado á pesca deportiva dende terra. Vou con frecuencia ás praias e á costa próxima á miña casa de Armentón (Arteixo). Adoito levar cebos e artimañas artificiais e apenas collo nada. Aínda así, ese tempo á beira do mar préstame moito e aproveito para deixar a cana pousada e darme un bo paseo pola ribeira. Temos unha fermosísima costa chea de matices, e isto para un curioso coma min é sempre un valor. Unha ribeira chea de recortes, cunha xeoloxía ben variada, unha vexetación autóctona tan fascinante e un mar tan activo, vivo e intenso que é imposible aburrirse. Gústame andar ás crebas (apañar restos que chegan á costa) e non sei exactamente de onde me vén porque os meus devanceiros, ata onde eu sei, son todos de interior.

A afección á pesca de mar vén polo meu pai, un home nacido en Melón Baixo (Esgos, Ourense) que emigrou á Coruña, onde se entusiasmou tanto co tema que ata chegou a ter dúas pequenas lanchas no Portiño, coas que, cando o traballo llo permitía, saía ao mar. Grandes capturas facía naquel tempo no que a nosa costa non estaba tan esquilmada coma hoxe. Lembro o vertedoiro da cociña cheo de peixe, polbos e ata algo de marisco que se repartía entre a familia.

¡Que recordos! Unha das últimas veces que fun pescar fíxeno acompañado do meu fillo e, outra vez máis, a pesca foi infrutuosa en canto a capturas, pero gratificante noutros aspectos. Estabamos nunha pequena praia ben fermosa entre Caión e Malpica. Como non picaban, pousamos as canas e puxémonos a apañar plásticos. A simple vista parecía un lugar limpo no que apenas había lixo, pero ao ir polo miúdo comezamos a apañar refugallos ata facer dous bos atados de plásticos e derivados. A verdade é que dá moita mágoa ver en que estamos convertendo a nosa contorna e por extensión o planeta. Se parecendo un lugar limpo sacamos todo iso, ¿que será o que non vemos que está no fondo dos mares, que contamina a cadea trófica e que finalmente acaba repercutindo na nosa propia saúde? Non sei cal é o futuro que está por vir, pero a traza non semella boa. Oxalá fósemos quen de mudalo porque de nós depende e nós dependemos diso