«Un proxecto de país» para celebrar os 100 anos do Seminario de Estudos Galegos
CULTURA
Máis de quince entidades suman esforzos para vindicar o legado da institución
23 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.En 1923, nove estudantes mozos de distintos cursos da Universidade de Santiago, co apoio do catedrático Armando Cotarelo Valledor, deciden xuntar esforzos para poñer en marcha un proxecto de investigación e divulgación da cultura galega: o Seminario de Estudos Galegos (SEG). Agora, seguindo ese exemplo, máis dunha quincena de institucións, tanto herdeiras dese traballo como vinculadas cos protagonistas desa organización, así como a Administración autonómica e varios concellos, únense para conmemorar o seu centenario e vindicar a vixencia do seu legado. «É un proxecto de país no que cada un contribúe coas súas propostas», asegurou Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega, entidade encargada da coordinación das actividades para evitar solapamentos e da páxina web divulgativa de toda a programación.
As propostas, que comezarán esta mesma tarde no Museo do Pobo Galego cunha charla de Aurora Marco centrada na participación feminina no Seminario de Estudos Galegos, desenvolveranse ao longo de todo ano. A programación está estruturada en cinco áreas seguindo, tamén, as liñas de traballo dos membros do Seminario de Estudos Galegos. Deste xeito, a primeira estará centrada na investigación e divulgación, con congresos, seminarios e conferencias para evocar o papel e pegada culturais que tivo. A segunda céntrase nos proxectos expositivos, que desenvolverán distintas institucións. A terceira reproduce o sistema de investigación que crearon os membros do SEG, as xeiras, nas que se desprazaban por diferentes puntos de Galicia para traballar directamente sobre o terreo. Nese sentido, organizaranse roteiros e visitas guiadas. Non faltarán tampouco as publicacións.
O último bloque de traballo estará dedicado aos recursos materiais, como audiovisuais, documentos, que permitirán completar a información sobre o Seminario. Nese sentido, o Consello da Cultura incorporou esta semana sete novas entradas ao Álbum de Galicia e xa recolle 65 biografías de persoas vencelladas ao SEG. «Son 112 persoas e boa parte deles están no noso imaxinario», lembrou onte a presidenta do Museo do Pobo Galego, Concha Losada. Pola súa banda, Margarita Ledo, en representación da RAG, salientou que «hai que rememorar en presente» o legado «dun operador da idea de país». O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, confía que neste ano aparezan novos fondos e documentos sobre o SEG.
Reedición do primeiro roteiro e recuperación de publicacións
Na diversidade de actividades polo centenario do Seminario de Estudos Galegos destacan o congreso que os días 10 e 11 do próximo mes de outubro se desenvolverá no Consello da Cultura Galega. Unha xornada despois, o 12, reeditarase cunha andaina esa primeira viaxe impulsada en 1923 polos membros da organización cando se achegaran desde Santiago a Ortoño para estudar un castro.
Entre as publicacións, sobresae a edición facsimilar que o Museo de Pontevedra fará do Romance dunha fatal ocasión, dedicado a Castelao polos membros do SEG, así como os dous volumes que publicará a Real Academia Galega cunha recompilación de escritos sobre o idioma producidos entre 1916 e 1936. Ademais, a Xunta publicará Terras do Deza, que difunde os traballos recollidos polos membros do SEG pero que non chegaran a ver a luz.
Unha das referencias expositivas abrirá as súas portas en xuño na Cidade da Cultura. Titulada Luz na terra. A obra do Seminario de Estudos Galegos (1923-1936) está comisariada por Ramón Villares. Pola súa banda, o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, que conserva seis volumes dos arquivos do SEG, exhibirá con periodicidade mensual cada un deles. «É unha tipoloxía moi variada e diversa de actividades», enxalzou Rosario Álvarez.