![Presentación da novena edición do festival Escenas do Cambio.](https://img.lavdg.com/sc/4aIpm-x56IPX0A4VI4o8SNmHC6s=/480x/2023/03/27/00121679933102027572801/Foto/S27M3134.jpg)
A nova edición de Escenas do Cambio programa dez propostas entre o 4 e o 6 de maio
25 abr 2023 . Actualizado a las 22:31 h.Dez propostas escénicas marcadas pola vangarda, o risco e a experimentación. Cinco delas son estrea absoluta e outras catro poderanse ver por primeira vez en Galicia. Ese é o cartel da novena edición de Escenas do Cambio, que se desenvolverá do 4 ao 6 de maio na Cidade da Cultura como principal escenario, aínda que tamén sairá a outros espazos. Un festival no que teatro, danza, performance, música e poesía converxen para abordar cuestións como os dereitos que reclaman as persoas migrantes ou o colectivo queer, así como o poder dos afectos, a morte ou o futuro de Europa. «É un festival pensado como unha peza escénica», resalta a súa directora, Lola Correa.
Na primeira xornada haberá xa dúas estreas absolutas. A do poema escénico Poco (o alguien dirá que nos equivocamos), de Roberto García de Mesa, e a de Afectos, da compañía galega Kirenia Danza, que pecha a súa triloxía sobre «os vulnerables». Segundo a súa directora, Kirenia Martínez, é «un reclamo a volver a nuestro ser emocional, a ser solidarios, a ponernos en la piel del otro» ofrecendo unha reflexión sobre as persoas migrantes, entre outros.
Na segunda xornada a compañía galega Matarile ofrecerá Fráxil: handle with care, que, baixo a dirección de Ana Vallés, propón unha reflexión sobre unha nova idea de Europa. Cun itinerario pola Biblioteca de Galicia e o Xardín Literario chegará o terceiro percorrido en feminino de Escenas do Cambio. Se en anteriores edicións a danza e a dramaturxia serviron de base, nesta ocasión será a poesía. Os versos de Yolanda Castaño, Silvia Penas, Xiana Arias, Nuria Vil e Nieves Neira estarán acompañados, nalgúns casos, de música e imaxes. Será na xornada final, xunto a quinta das estreas, o concerto debut da agrupación Sons-Nús/Catro Nubes. Nel o dúo formado polo contrabaixista Baldo Martínez e a cantante Maite Dono —leva 7 anos sen actuar—, incorpora a Ton Risco, Xosé Miguélez e Anto Lloveras. O dúo retomará cancións nadas ao redor da figura de Uxío Novoneyra, que se mesturará con «jazz, música tradicional, poesía e o que queira ser», afirmou a cantante.
A variedade esténdese ao resto da programación. O festival abrirá cun itinerario polas rúas de Santiago a cargo do brasileiro Gustavo Ciríaco, Aquí mentres camiñamos. Na segunda xornada chegará Washington, de Matías Daporta, na que propón un cásting para o filme que Von Trier non chegou a facer. «Invita a especular sobre o que podería ser a película. [...] Non resolve preguntas senón que abre cuestións», afirmou Daporta. A programación complétana One night at the golder bar, unha declaración de amor musicada de Alberto Cortés; Háblame, cuerpo, de Nazario Díaz; e Aquellas que no deben morir, de Las Huecas, sobre a morte.
«O festival leva nove anos amosando proxectos que non se ven noutros sitios, que van máis alá do goce estético», resaltou o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo. As entradas e os abonos xa están á venda.