Sempre que teño oportunidade cada primeiro e terceiro domingo de mes vou á feira de Paiosaco (Peisaco, para os achegados). Un deses domingos sentín unha conversa entre dous homes xa de idade que se atoparon logo de levar algún tempo sen verse . Falaban de cuestións referidas á saúde. Que se o médico me dixo, que se unha cousa tal, que se outra cal… E, no anaco de conversa que eu cheguei a escoitar, un espetoulle ao outro:
—Mira, estamos xa nun tempo en que hoxe che doe un brazo, mañá unha perna e despois cáeseche un dente… E nesas estamos!
Non cheguei a escoitar moito máis, pero chegoume, porque a conclusión foi tan contundente que me deixou cavilando. Non había moito tempo que tivera por segunda vez un episodio de lumbago que me deixara bastante eivado, e vinme en situación. Lembro, cada vez que me doe algo, a ese patrucio de Peisaco dicindo isto. Aos meus 59 anos e con moi boa saúde, todo hai que dicilo, cada día que pasa noto cousas novas que antes non me acontecían. Que se un brazo, que se unha perna, que se os dentes, que se o que sexa… Ao final vai ser verdade o que moitos agoireiros profesionais do esmendrelle me veñen vaticinando dende que teño corenta anos. Verás despois de, prepárate para non sei que e non sei canto, ten coidado co…
Estou ben, pero ás veces sinto molestias que antes non tiña e hai que ver como solucionalas ou acalmalas. Por fado, cheguei ata aquí cunha boa saúde sen ter que pasar polo médico máis que o xusto e preciso, e por cousas normalmente leves. A miña alimentación procuro que sexa saudábel e non son unha persoa sedentaria, mais tampouco me privo de nada xa que, de momento, nada mo impide. Incluso fago algún exceso que sempre procuro redimir para que o corpo se resinta o menos posible, e aquí estou. O asunto é que a idade non transcorre sen pasar certa factura, e querer estar permanentemente nunha eterna xuventude non acaba de funcionar como quereriamos.
Agora vou a un ximnasio para fortalecer aquilo que se me vai afrouxando e, de momento, nin tan mal. Poder seguir co tren de vida procurando que non che doan os brazos, nin coxees nin che caian os dentes xa é un gran logro.