Santiago Auserón clausurará a 39.ª Semana Galega de Filosofía

L. P. PONTEVEDRA / LA VOZ

CULTURA

Santiago Auserón.
Santiago Auserón. Álvaro Ballesteros

O músico e doutor en Filosofía abordará na súa charla «A música na Grecia Antiga e a orixe da Filosofía»

13 abr 2023 . Actualizado a las 13:17 h.

Co título de Filosofía e arte, a Aula Castelao de Pontevedra desenvolve dende comezos desta semana unha nova edición, a número 39, da Semana Galega de Filosofía. Na xornada deste xoves, antes de contar coa poeta Chus Pato (17.00 horas), intervirá na sesión de mañá, que ten unha maior carga teórica e contido filosófico, Luis Puelles (10.30 horas), catedrático de Estética e Teoría das Artes da Universidad de Málaga, quen abordará no Teatro Principal a diferenza entre O público e os espectadores. Tensións na xénese do suxeito moderno.

Pola súa banda, a imaxe fixa como arte estará presente nestas xornadas da man de Vítor Vaqueiro (20.00 horas), historiador da fotografía e ensaísta, que afondará na intervención no seu campo de especialización cun relatorio titulado Fotografía, contemporaneidade e pensamento.

En canto ao programa do venres, a última das mañás da Semana Galega de Filosofía está reservada para Andrea Soto (10.30 horas), doutora en Filosofía, profesora de Estética e Teoría da Arte da Universidad Autónoma de Barcelona, e a súa conferencia A forza formadora das imaxes. Mentres que Germán Labrador (17.00 horas), director de actividades públicas do Museo Reina Sofía de Madrid, pechará as tardes falando de Estética e historia. Sobre os imaxinarios políticos da arte na Galicia do século. O programa centrou as tardes cunha serie de temáticas centradas no ámbito galego.

Santiago Auserón (20.00 horas), músico e doutor en Filosofía, será o encargado de clausurar as sesións de noite —caracterizadas nesta edición por ofertar un contido máis xeral, con menor densidade filosófica— e consecuentemente a Semana Galega de Filosofía cunha disertación que abordará A música na Grecia Antiga e a orixe da Filosofía.