Colmeiro por Cunqueiro

CULTURA

Manuel Colmeiro, nunha exposición en 1967.
Manuel Colmeiro, nunha exposición en 1967. Alberto Martí

16 abr 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O pintor Manuel Colmeiro (Chapa, Silleda, 1901-Salvaterra de Miño, 1999) foi un dos grandes renovadores da pintura galega, sen desprenderse nunca dunhas raíces vitais e espaciais, pero sempre sometido a unha vocación de orixinalidade consciente e comprometida.

Un dos primeiros admiradores de Colmeiro foi o escritor Álvaro Cunqueiro que, xa no ano 1933, lle dedicou un artigo no Boletín da Universidade de Santiago de Compostela titulado Colmeiro, pintor. Nel anunciaba que á pintura galega chegáralle «a hora da ciencia con paciencia», da man da «esforzada paixón» de Colmeiro.

Cunqueiro sentía unha especial chamada pola obra de Colmeiro. Percibía nela unha orixinalidade nacida da tradición «transformada, por suma de posibilidades, en aptitude de descubrimentos». O que podía ser, dicía, «o abecé filosófico da crítica da nosa pintura», porque Galicia figuraba coma o centro de gravidade do creador pontevedrés.

Quedábanlle por diante evolucións e rupturas ó gran Colmeiro, que emigrara de mozo á Bos Aires, onde combinou traballos con estudos pictóricos na Academia de Bellas Artes. Obras que destruíu, case todas, cando se convenceu de que o expresionismo non lle servía ao que el quería.

De volta en Galicia en 1926, expuxo en Vigo e conseguiu beca para a Academia de San Fernando (Madrid). Seis anos despois participou nunha exposición en La Barraca de García Lorca. E, ó comezar a Guerra Civil, volveu para a Arxentina ata 1948. Alí relacionouse con Seoane, Dieste e Alberti. En 1949 marchou para Francia, onde estivo ata 1989, considerado un gran pintor da Escola Española de París.

Atinou Cunqueiro cando descubriu o fondo vencello artístico que Colmeiro mantiña coa súa terra. Porque o pintor nunca se entregou ás estéticas das vangardas. O escritor de Mondoñedo estaba convencido ¡en 1930! de que Colmeiro nunca se botaría fóra do seu credo pictórico. Nin con Bos Aires, nin con París, nin con Picasso á beira, Colmeiro nunca rendeu a súa bandeira. A que Cunqueiro definiu como a orixinalidade nacida da tradición. Por isto acertaron en Vigo os que lles dedicaron dúas rúas converxentes.