Calquera texto inédito deste extraordinario escritor ten que ser acollido con alborozo aínda que tal texto non sexa unha novela, un ensaio sobre arte ou un discurso político. Nesta ocasión, do que se trata é de dúas cartas ao alcalde da Guarda, o benemérito Manuel Álvarez Vicente, escritas o 23 de marzo e o 19 de maio de 1933 por el Diputado a Cortes de Pontevedra, que así rezaba o membrete do ilustre parlamentario galego. Custódianse no Arquivo do Concello guardés xunto con outra, a primeira, do 12 de xaneiro dese ano, onde foron atopadas e fotocopiadas por José Antonio Uris. Á súa cívica xenerosidade debo a fotocopia da segunda e da terceira.
Por que esta correspondencia, este pequeno tesouro epistolar? No Concello da Guarda, como en tantos e tantos outros de España nestas datas, os alcaldes dos municipios trataban de petar nas portas de Madrid, sede do Goberno e das Cortes, para que as autoridades da capital colaborasen, dalgún xeito, con axudas económicas que resolvesen ou paliasen os problemas padecidos por certos sectores das clases traballadoras. Descoñecemos —mesmo o dilixentísimo Uris— a solicitude concreta formulada polo alcalde da Guarda, á que respondeu Castelao nestes termos: «Mi distinguido amigo: ¡Con cuánto gusto trabajaría en favor de su villa! Pero mi situación política y la escasez numérica de los diputados de nuestro Partido, me impiden lograr favores...».
Feita esta triste declaración, Castelao propón: «En mi deseo de serle útil y sabiendo que en este caso mi intervención puede ser eficaz, desearía saber si a ese Ayuntamiento le conviene la formación de una biblioteca pública municipal». Fai outras consideracións sobre as bibliotecas e, verbo da Guarda, precisa que «tiene un museo interesantísimo... y deseo de saber».
Pero o gran Castelao, a intelixente voz materialista de Castelao, é moi consciente da fraxilidade da súa misiva; por iso escribe: «Comprendo que los libros no se comen y, en esta ocasión, el problema más agudo es el que formula el estómago». E despídese deste xeito: «Casi parece cómico ofrecer libros en estos tiempos, pero...».