«Divinas palabras» na escena

Artigo publicado o 3 de marzo de 1998 FERNÁNDEZ DEL RIEGO EN LA VOZ

CULTURA

23 abr 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

A recente versión operística de Divinas palabras trainos á memoria dúas significativas escenificacións da obra de Valle-Inclán. A primeira delas produciuse no Teatro Español de Madrid. Lembramos do fausto acontecemento, a brillante representación que de Mari Gaila fixo Margarita Xirgu. Tamén os decorados que, para a ocasión, realizou Castelao.

Moitos anos despois, outra xenial actriz, María Casares, eminente intérprete galega do teatro francés, debutou no Coliseo bonaerense, en lingua valleinclanesca, coa mesma obra do escritor arousán. Desde o punto de vista literario, Divinas palabras vén ser unha das máis subxugantes que saíron da súa pluma. Desde o estético situárona algúns entre o ciclo novelesco do autor e os Esperpentos.

Tense dito reiteradamente que o texto de Valle-Inclán escribírase máis para a lectura que para a representación. Nel deu renda solta o autor á súa poderosa imaxinación, sen se coidar do problema da súa posta en escena. Foi pois grande merecemento que, en ámbolos dous casos sinalados, sortearan tales atrancos os directores, e obtiveran unha versión dramática de notable fluidez e continuidade.

Nas interpretacións que, en épocas diferentes, fixeron Margarita Xirgu e María Casares, luciron as súas magníficas dotes de actrices. Aseñoráranse da escena e engaiolaron ao público co prodixio da súa presenza. Nunca esquecemos a identificante versión que a Xirgu dera de Mari Gaila, muller esencialmente carnal, «armóntea nos ritos do corpo e da voz».

No caso de María Casares, a garra, a vibración puxéronse especialmente de relevo na escena nas que sucumbe ao terror tirando do carricoche no que vai o idiota morto. Tamén salientaron ós pasaxes finais, no que acadaron punto alto os outros membros do reparto.

Os personaxes que animan a Divinas palabras, cobraron vida singular ao pasar da escrita á escena, nas dúas representacións que evocamos. Así Luceo, que ás veces se chama Séptimo Miau, ou Compadre Miau, vagamundo amoral, desapiadado no amor e na amizade. Mari Gaila e o seu home, o sancristán bébedo, de incestuosos apetitos. Juana la Reina e fillo idiota. Rosa la Tátula, mendicante, de vocación celestinesca. Mujerucas, ladrón e cocainas. E outros da mesma ralea.

Valle-Inclán aproveitou os xogos sucios desta xentalla para amosar a súa ironía corrosiva, a súa decepción perante a criatura humana. Practicou, en certo xeito, o que se deu en chamar humor negro, con trazos cortantes, certeiros, que, dalgunha maneira, alixeiran o decurso tráxico, atormentado e atormentador da obra. Ademais, loce nela a galanura, a magnífica sobriedade, concisión, garrideza e forza que fixeron do escritor galego un dos máis grandes estilistas da lingua utilizada.

Artigo publicado o 3 de marzo de 1998

fernández del riego en La voz de galicia