Que nos estamos cargando o planeta é unha evidencia científica da que nos levan avisando hai xa moito tempo. Non hai que ser un portento para darse conta do que está a suceder ao noso redor. Basta con estar minimamente atento para ser consciente de cara a onde estamos indo polo feito de ter semellante desaxuste meteorolóxico.
Lembro que sendo un mociño empecei a decatarme destes cambios na miña aldea. Alí sempre nevaba no inverno, neve que aguantaba días. Co paso do tempo, as nevaradas foron diminuíndo; agora pode nevar de xeito esporádico e a neve apenas dura pouco máis dun día callada. Que as estacións climáticas están visiblemente alteradas é outra mostra de que as cousas non van precisamente ben. Os invernos nin por asomo son aqueles de outrora, as primaveras e os outonos están tan esvaídos que apenas existen, e os veráns alónganse cunha tendencia progresiva a ter máis días cun calor anómalo e cunhas secas que son cada vez máis recorrentes e prexudiciais. A crise climática producida polo quecemento global xa é unha realidade e, sen dúbida, o noso xeito de vida ten unha boa parte de responsabilidade. Estamos empezando a saber cales son as consecuencias do noso afastamento da natureza e dos seus delicados equilibrios. Quizais sexa demasiado tarde para poder reverter esta situación, como xa sinalan algúns científicos, pero o peor é seguir teimando en maltratar e descoidar aquilo que nos mantén con vida.
Vivir de costas á natureza e aos seus movementos, sen respectalos nin entendelos, situounos nesta encrucillada na que xa estamos empezando a ver e a sentir cousas que nun futuro padecerán moito máis os nosos descendentes. Non vexo moita concienciación nin política nin social neste sentido, agás nos lugares onde xa están en situacións extremas. O valor e a importancia da auga vai medrar ata se converter nun motivo de conflito mundial, e seremos testemuñas diso. Oxalá as vindeiras xeracións, co panorama que lles deixamos nós, sexan capaces de resolver esta anomalía da nosa evolución como Homo sapiens.