Os hobbits chaman mathom a calquera obxecto, de costume recibido como un agasallo, que, sen ter unha utilidade concreta, é moi querido polo propietario, ata o punto de non se desfacer nunca del. Eu creo que Tolkien transmuta nos miúdos habitantes da Comarca un hábito moi humano, como é celebrar permanentemente algo, malia que a celebración non sirva para nada. Tome vostede o mes de abril que está fenecendo. Xogo un dedo do pé a que ignora que o día 11 se celebrou o Día Mundial do Párkinson; o 15, o Día Mundial da Arte ou o 20, o Día da Lingua Chinesa. E hai para todos os gustos: o mesmo día 20 foi o Día Mundial da Marihuana (colocón global para celebralo) e o 22 seguinte, o Día Mundial das Tendas de Discos (supoño, a este respecto, que o Día Mundial dos Videoclubs acabaría directamente engulido por Netflix, HBO e Amazon Prime, cadeas que, ao mellor, xa teñen, en substitución, o seu día grande).
Hai días, logo, internacional e masivamente coñecidos por diversas razóns. O Día do Traballo non se traballa, o Día Internacional da Muller todos viramos un chisco a morado, non vaia ser, e o 12 de outubro, Día da Hispanidade, toca avergoñármonos pola nosa abochornante condición de españois, xenocidas e casposos, unha tradición nacional, esta de sentir vergoña do propio país, tan enxebre coma a tortilla de patacas ou a tamborrada de Calanda.
O 23 de abril lembramos o pasamento de Cervantes e Shakespeare (ambos os dous en 1616), isto en tanto non se descubra que tiveron, na súa vida, comportamentos machistas, como Picasso, o cal os sometería a un incómodo terceiro grao. Don Miguel e don Guillerme están na pole do que Harold Bloom denominou con acerto o canon occidental e, por iso, representan internacionalmente o libro e a lectura. Con todo, un recente estudo universitario establece que, en canto á lectura na mocidade, «non consiste só en dedicar tempo aos grandes clásicos da literatura, porque o acto de ler nunca debe mutilar o potencial imaxinativo do mozo». No canto, e como estímulo ou aperitivo, o estudo suxire ler anime e manga. En fin, é probable que, como os mathom dos hobbits, tampouco o Día do Libro sirva para nada.