Juan Galiñanes, director de «Fatum»: «En Galicia non temos por que ter medo a contar nada»

Mila Méndez Otero
mila méndez A CORUÑA / LA VOZ

CULTURA

Galiñanes, no hospital materno-infantil, un dos escenarios do seu filme.
Galiñanes, no hospital materno-infantil, un dos escenarios do seu filme. Germán Barreiros

O cineasta promete adrenalina e emocións fortes neste «thriller» rodado na Coruña 

29 abr 2023 . Actualizado a las 10:30 h.

O lugar escollido para a foto é o hospital materno da Coruña. Observar de cerca o traballo que nel realizan os sanitarios tivo un papel determinante no desenlace de Fatum, a película coa que o cineasta Juan Galiñanes (Cambados, 1980) se estrea como director dunha longametraxe de ficción. Guionista, montador e tamén director de animacións como Holy Night!, o cambadés afronta o reto de manter o espectador pegado á butaca a base de secuencias trepidantes nunha historia que muda e apela aos sentimentos máis primarios, desde a vinganza á culpa.

Luis Tosar, Elena Anaya, Álex García e Arón Piper protagonizan este thriller rodado na Coruña que produce Vaca Films. Desde que o escribiu, agardou uns anos «no conxelador» ata ter a súa oportunidade. Un tempo que a Galiñanes lle permitiu madurar como cineasta e tamén como pai. «Cando escribín o guion os meus fillos eran cativos, agora teñen a idade dos rapaces que aparecen na película», apunta. Cousa do azar?

—Cre no destino?

—Creo máis en pelexar. Confiar en que só é o destino o que te leva a lograr as cousas non creo que sexa xusto para os proletarios que traballamos todo o día. A produtora preferiu agardar un bo momento para o thriller nun contexto mundial no que mandaba a comedia. En Fatum é certo que o destino xunta a todos os personaxes nun lugar, pero, realmente, toda esa xente acaba aí tamén por unha serie de decisións. Hai algo que dixo Elena Anaya que me gustou moito. Unha vez que o espectador remate de ver a peli, de seguro que meditará máis as catro seguintes decisións que tome.

—«Hierro», «La unidad», «El desorden que dejas», «Feedback»... En todas figura como montador. A acción xa non é exclusiva de Hollywood?

—Evidentemente non temos os medios para facer unha película de Michael Mann ou Tony Scott, pero sabemos facer acción, manexamos as técnicas narrativas e, a nivel presuposto, todo é adaptarse. Levamos moito tempo amosando o noso saber facer bo cine, bo cine de calquera xénero. En Galicia non temos por que ter medo a contar nada. Con todo, aínda que é no thriller onde máis cómodo me sinto, non me gusta a acción pola acción. Ao final, é un personaxe sólido o que te leva durante toda a trama.

—Hai vida fóra de Madrid.

Levo traballando fóra de Madrid vinte anos, que son os que levo na profesión. E, xa ves, fixen animación, pelis de acción… fixen de todo. E non é que teña nada en contra de Madrid nin descarte traballar alí. A nivel narrativo, temos que deslocalizar, e niso os americanos son moi listos, lévano facendo anos. A todo o mundo lle pode interesar A Coruña, Cambados ou calquera aldea galega, igual que a nós nos interesa Wisconsin. Todas as historias son universais. O único que temos que facer é poñer os medios.

—As grandes producións como as de Marvel salvaron as salas durante a pandemia. Son o camiño a seguir ou hai que suxeitarse a fenómenos inesperados como «As bestas»?

As bestas é unha película incrible dun director que admiro e co que comparto director de fotografía, Álex de Pablo. Non é unha película precisamente fácil para o espectador medio. Hai uns anos poderiamos dicir que sería impensable o seu éxito nas salas, pero máis que preguntarnos como un fenómeno coma esta película aguanta tantas semanas no cine, temos que ver como conservamos isto, amosarlle á xente que hai máis pelis marabillosas, que vai haber máis As bestas ao longo do ano. O cine ten que volver como plan. Temos que romper con esa idea de que o cine é caro; caro é tomar unha copa nun bar, e dura menos.

—A súa película tamén conta coa participación de Amazon. As plataformas son aliadas ou inimigas das salas?

—As plataformas teñen axudado moito a que fagamos todo máis cosmopolita, e permitiron traballar moito. Estamos tendo un certo momento de bonanza. É difícil ás veces atopar técnicos para facer películas. Isto demostra que a xente quere contidos audiovisuais e contidos feitos en calquera parte, non soamente Marvel.

—Tiña claro que Tosar estaría no elenco desde o comezo?

—Houbo opcións, démoslle voltas, pero os protagonistas propuxémolos desde o inicio. Tiven a sorte de que, facendo a carta aos Reis Magos, leron o guión e as súas respostas foron moi rápidas. En Luis Tosar temos o mellor actor nacional. Pero, nesta película, tamén son moi importantes os secundarios, todo o elenco. E aí tamén tiramos da terra, da nosa canteira, comezando polos tres nenos.