Inma López Silva explora a loucura e a perda maior en «Escola de mulleres»
CULTURA
O desánimo da «endogamia universitaria» enlama a protagonista da novela
04 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Todo comezou como un reto, polo desafío da súa amiga a bibliotecaria Lorena Gómez Méndez, que lle dixo: «Ti o que tes que facer é unha campus novel». Andaba Inma López Silva (Compostela, 1978) daquela a enfiar versos para o poemario Clepsidras, co que deseguido gañou o premio Eusebio Lorenzo Baleirón. Foi hai catro anos cando se puxo con Escola de mulleres, aínda que se lle meteu polo medio a novela-pescuda familiar do avó fascista. E unha cousa derivou noutra: «Ao final, rematei por darlle unha volta ao xénero, aquilo da campus novel foi só unha feliz escusa». Este mércores presentou en Librouro (Vigo) Escola de mulleres, que chega en galego da man de Galaxia e, en castelán, do selo Tres Hermanas.
Moi cedo deu co personaxe: unha profesora de francés na Universidade de Santiago, unha deses docentes que están contratados como doutores, sen aliciente para crecer, atrapados entre liortas de departamentos, xentes que, pese a seu estatus económico e social privilexiado, se enlaman no desánimo —detalla a autora—. Casada cun xenio da Teoría da Literatura e enleada cun amante catedrático de Física Teórica que devece por ser reitor, transita Gloria ese marasmo.
O amor furtivo non enche a existencia da protagonista, que carga pesadamente a súa lousa laboral. Un aspecto, confesa Inma López Silva, que está inspirado na súa propia experiencia. «Eu pasei por iso, pero souben reaccionar a tempo. É ese un limbo no que quedaron moitos, xente moi brillante, igual que Gloria. Ela nunca vai ser funcionaria nin seguir ascendendo; non perderá o seu traballo, pero esa acomodación agravará o desánimo. Pregúntase se realmente ten sentido seguir aí». Ao tempo, está nunha situación na que che venden un estilo de vida que serve de narcotizante: «A universidade non che ofrece unha carreira laboral lóxica, pero ofréceche un estatus, comodidade, pero non ambicións». Non parece un camiño moi san, pero continúas aí, permaneces, insiste a narradora.
Este mansío enfermizo reborda nun momento tráxico, terrible, cando a filla de cinco anos de Gloria morre dun ictus diante dela. Entón todo choca de fociños coa súa perspectiva, virando cara a un efecto traumático. “O feito”, como ela se refire á morte, empúxaa a repensalo todo, deixar a súa vida. Agroma aí con forza, como algo ao que aferrarse, a ilusión que sempre tivo de montar unha libraría. Pero tal proxectos precisa uns cartos que a profesora de francés non ten. E, subida nesa onda, case como unha surfeira cega, nunha fuxida cara a adiante, decide conseguir diñeiro ao prezo que sexa.
Entrará Gloria nunha espiral de destrución que, explica López Silva, a leva á loucura, que é, xunto coa perda, o gran tema de Escola de mulleres. «Cando se produce un momento traumático nunha persoa que non está xa moi ben... a que estamos dispostos a chegar para cumprir un soño? Esta é tamén unha das cuestións motoras da novela», incide, para puntualizar que se trata da historia, por riba diso, dunha muller valente que, pese aos riscos, se enfronta a tumba aberta ás ameazas e ás barreiras, aos obstáculos que lle poñen, para construírse a vida que desexa vivir.
O cariz dramático do libro, obxecta a autora, non impide que apareza bañado en ironía, cun humor amargo que vén do modo en que Gloria toma con moita distancia as cousas. «Ela non é consciente da súa propia loucura, tanto que se nega a medicarse e, cando por fin acepta ir á consulta dunha psiquiatra, non acaba de confiar na doutora. A loucura —insiste— paira constantemente no texto, aínda que se trate dunha loucura clarividente que actúa como consolo ante a ausencia e ante a perda maior».
Coro acusador
Escola de mulleres é un libro estruturado en tres capítulos, que se corresponden co lugar onde se desenvolve a acción. En cada un deles, Gloria traballa na tradución de cartas de amor, as de María Casares e Albert Camus, as de Simone de Beauvoir e Nelson Algren, e as de Zelda e Scott Fitzgerald. A análise desa correspondencia suscitará tamén nela reflexións sobre o amor, o corpo da muller, a prostitución, a vida universitaria e outros temas. Pero o rol destas tres mulleres, ilustres feministas, non queda niso, terán un peso crucial na arquitectura narrativa do relato, xa que reaparecen como pantasmas para, congregadas, conformar un coro que funciona coma se se tratase dunha peza de teatro clásico grego, un coro axuizador que lle afea acusadoramente a Gloria cuestións da súa vida, que glosa os seus comportamentos, que comenta case en plan cotilla, que a advirte, que augura consecuencias. A dor pola filla, os vínculos familiares, os conflitos que provoca alí onde vai, a prostitución..., nada deixa o coro sen remoer.