Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

A prolífica traxectoria de Fernández del Riego, en oitenta pezas bibliográficas na Cidade da Cultura

Montse García Iglesias
Montse García SANTIAGO

CULTURA

XOAN A. SOLER

A Biblioteca de Galicia inaugurou este xoves unha mostra conformada por fondos propios referida ao homenaxeado no Día das Letras Galegas

11 may 2023 . Actualizado a las 18:42 h.

De varias das súas biografías ata as publicacións que ven agora a luz con motivo do Día das Letras Galegas pasando por exemplares da súa única novela, O cego de Pumardedón, ou o seu último artigo publicado en La Voz de Galicia. A Biblioteca de Galicia, na Cidade da Cultura, repasa a traxectoria de Francisco Fernández del Riego a través de oitenta pezas dos seus fondos coa intención de profundar nas distintas facetas do autor. Libros, xornais e revistas, maioritariamente, pero tamén fotografías, marcapáxinas e cedés, conforman a mostra Francisco Fernández del Riego. A cultura galega como motivo de vida, que foi inaugurada este xoves.

A exposición está articulada en seis vitrinas. O percorrido comeza cunha pequena biografía, na que se pode ver un retrato de Fernández de Riego vestido cunha caroza así como textos autobiográficos ou que lle dedicaron a el, ademais dunha mostra da súa extensa relación epistolar, poñendo como exemplo a mantida con Neira Vilas. O percorrido continúa incidindo na súa faceta ensaística iniciada con Cos ollos do noso esprito, que saíu do prelo en 1949. Non faltan as súas biografías sobre persoeiros de relevancia histórica neste apartado.

A mostra tamén se achega a aqueles textos puramente literarios, coa súa única novela ou a escolma poética que fixo como editor en Galaxia amosando voces descoñecidas. Os máis de 4.000 artigos na prensa están representados nunha vitrina que acolle pezas como o derradeiro artigo publicado en La Voz de Galicia, De Xian Sorel ao vermello e negro. Non podía faltar neste repaso o seu relevante papel na creación de Galaxia no 1950. Inclúese o primeiro libro, Antífona da cantiga, de Cabanillas, e cadernos da colección Grial. O remate do percorrido está centrado no Día das Letras Galegas, unha efeméride que o autor impulsou. «Fernández del Riego contribuíu a construír a historia cultural de Galicia. [...] A mostra lembra o seu potencial», destacou na inauguración o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo. A xefa do Servizo da Biblioteca de Galicia, Noelia Bascuas, incidiu en que nas seis vitrinas trataron de amosar todos os eidos nos que Fernández del Riego traballou ao longo da súa vida.