Minibiografía da lamprea

Artigo publicado o 18 de marzo do 2006 FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO

CULTURA

Francisco Fernández del Riego (Vilanova de Lourenzá, 1913-Vigo, 2010).
Francisco Fernández del Riego (Vilanova de Lourenzá, 1913-Vigo, 2010). M. Moralejo

12 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Gustabamos varios amigos de coincidir un día de cada ano en As Neves. Citabámonos na data axeitada para disfrutar, gorentosos, do saibo do famoso ciclóstomo, ben preparado culinariamente. Mentres xantabamos compracíamos falar do primitivo, rudimentario, membro da fauna fluvial galega. No Ulla, no Umia, na desembocadura do Miño, figuraban os habitáculos máis privilexiados da lamprea. Referiámonos na leria á captura do peixe que viña facéndose desde tempos moi vedraños. Porque sempre tivera singular importancia gastronómica o tan estimado ciclóstomo. A pesca cobraba particular actividade durante a estación de freza.

Nas Neves, antes de sentar á mesa, parabámonos contemplando os exemplares vivos que, nunha a xeito de piscina, limpaban a costra. Ollabámolos previamente á súa entrada na cociña. Sorprendíannos as características distintivas da especie. Os sete buratos branquiais en ambos os dous lados da cabeza. Sabiamos que de decembro a xuño remontaban os ríos. Que ían desovar nas rañas ou coiñais do fondo. Pescábanas desde barcas e gamelas con rede lampreeira. Tamén con buitróns, cabeceiras, nasas. Mesmo con artes agullantes, como as figas ou framendos.

Cunqueiro lembraba que a lamprea era da gula dos señores romanos. Resultaba ser nai da gota, como produto das enchentas. Tiñan despois os que se enchían, augas salutíferas en Galicia para se curar. E logo poder volver á mesa, ao triclinio, que segundo o mindoniense, non debía ser moi cómodo xantar alí. Comentabamos deseguido que quizais fora o peixe que incluía máis trebellos de captura. Pois non só era redado, senón tamén arponeado e trampeado. Despois de cociñado considerouse sempre no país noso como manxar sabedeiro. Así o estimabamos os comensais amigos que nos xuntabamos para degustalo.

Memorabamos na conversa dialogante, aquela estimativa da lamprea reflectida en moitas referencias históricas. Entre elas contábanse as receitas que se conservaron nos antigos mosteiros e abadías galegos. Ao redor da especie teceuse unha chea de lendas. Algunhas sobreviviron aínda ata época recente no ambiente popular. Nos tempos medievais mesmo se evocou a súa presenza en coñecidas figuras escultóricas. Na actualidade segue a ser produto de valorada calidade. Nas vilas que regan o Ulla e o Umia, nas Neves, Salvaterra, Arbo, da zona miñota, é tradicional a súa sona. A todas elas concorren na época propicia centos e centos de xentes para degustala nas diversas preparacións culinarias.

Nós comiámola á bordelesa ou empanada, pero ao dicir de Cunqueiro, ademais de fresca, podíase comer curada. Tamén cocida, con verdura, ou rechea. Porén a nosa preferencia ía pola adobiada á bordelesa co propio sangue e con arroz. Así mesmo en empanada, de tan gustoso padal. Velaí o que nos ocorreu subliñar do perfil biográfico do sonado ciclóstomo. Considerado de primeiras nas súas características, referíndonos logo a súa captura. Despois como manxar gastronómico, pensando nas diversas preparacións. Traémolo nestora á nosa memoria, porque nos relembra días compracidos que van quedando atrás…

Artigo publicado o 18 de marzo do 2006

fernández del riego en La voz de galicia