Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Amigos dos Museos de Galicia concede o premio Pedra do Destino 2023 ao humorista Siro

G. Novás REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Siro, no centro da imaxe, recollendo o galardón.
Siro, no centro da imaxe, recollendo o galardón. JESSICA VILOR

O debuxante ferrolán presentou o seu libro «A puta Morte»

19 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O colectivo Amigos dos Museos de Galicia celebrou este 18 de maio o Día Internacional dos Museos, o que, por certo, vén facendo dende a creación da efeméride en 1977 polo ICOM (Consello Internacional de Museos). Foi así como organizou un encontro na Coruña, no espazo cultural Portas Ártabras, onde o museólogo Felipe Senén enxalzou os museos como complemento fundamental da educación, é máis, dixo, son un indicativo claro do nivel cultural real dunha colectividade.

Na segunda parte deste acto, a asociación deu a coñecer o nome da figura merecedora do premio Pedra do Destino 2023, que cada ano concede a aquelas persoas ou agrupacións preocupadas por aspectos vinculados ao patrimonio ou á normalización cultural de Galicia. Desta volta a xunta directiva de Amigos dos Museos acordou concederlle o galardón ao humorista gráfico Siro López, Siro, nado en Ferrol en 1943, pola súa relevante contribución a espallar o humor galego. O seu labor abrangue moitas facetas, desde a radio —foi moi exitoso o seu programa en RadioVoz Corre, Carmela, que chove— pasando polas súas viñetas en La Voz de Galicia e as súas caricaturas, así como a súa faceta como pintor e os seus estudos ensaísticos sobre Castelao e o humorismo en Galicia, ou sobre o Quixote, entre outros numerosos aspectos.

O premio Pedra do Destino 2023 comportou a edición dun libro do autor titulado A puta Morte. Benqueridos ausentes, no que o debuxante e escritor fai unha reflexión sobre unha santa compaña de celebridades, xa finadas, que el coñeceu ao longo das últimas décadas. Siro López —que vén de recibir apenas hai uns días o premio Ehmu Fugas no Encontro Mundial de Humorismo— falou deste libro desdramatizador, do que os asistentes puideron facerse cun exemplar. Neste volume Siro representa a Morte como prostituta porque a entende como unha simple «mandada» que só fai o que lle encomendou «aquel deus Yahvé, permanentemente irado, cando a puxo no mundo». Tamén buscou o artista actualizar esas imaxes medievais das «danzas macabras» nas que a Morte, vista coma un esqueleto, invita á xente que leva consigo a facer bailando o camiño cara ao alén.

O colectivo aproveitou a significativa data para reivindicar a apertura, xunto coa declaración de ben de interese cultural, do Museo Carlos Maside do Castro de Samoedo (Sada).